Educación e igualdade, o primeiro

Hai medidas que cambian a vida de moitas familias, que abren acceso a dereitos que antes lles estaban negados. A gratuidade do ensino de 0 a 3 anos é unha de elas. Durante o anterior mandato, o goberno municipal da Marea Atlántica abriu este camiño con unha rebaixa de ata un 90% nas tarifas, o que nos levou a ter as escolas infantís co menor prezo de Galicia . Unha decisión política que permitiu garantir que as familias nunha situación de vulnerabilidade social teñan acceso á educación pública desde o comezo. 
Como ben dicía María Zambrano, hai camiños que se abren no bosque e que se pechan ao pasar. E para que iso non ocorra, decidimos seguir avanzando neste novo mandato. Por iso levamos no noso programa electoral a proposta de facer gratuítas as escolas infantís municipais, e por iso foi unha das medidas que introducimos no noso acordo co PSOE para os primeiros meses de mandato. Un acordo ao que lle puxemos datas esta semana: neste mes de outubro o goberno municipal comprométese a iniciar os cambios necesarios no regulamento das escolas infantís, e a telos listos en febreiro. Confiamos en que o Partido Socialista cumpra a súa palabra e, na Coruña, o ensino de 0 a 3 anos sexa completamente de balde xa no curso 2020-2021. A educación e a igualdade, o primeiro.
Casualmente, esta mesma semana o presidente da Xunta anunciou unha medida similar para a rede de escolas infantís dependentes da administración autonómica. Pero só similar. No seu caso, a gratuidade só chega a partir da segunda filla ou fillo. En lugar de recoñecer un dereito, Feijóo ofrece unha medida asistencial.  
O recoñecemento a esta etapa, de 0 a 3 anos, como unha etapa plenamente educativa, é unha das materias pendentes das Administracións Públicas. Ten un prezo, medio millón de euros ao ano, que non é un gasto, senón unha aposta polo futuro. Aposta que deberá ser completada coa creación de novas escolas infantís municipais que permitan ampliar a rede, e polo tanto a oferta de prazas.
A gratuidade desta etapa educativa é imprescindible para garantir a igualdade entre homes e mulleres. Cómpre lembrar que a taxa de precariedade laboral é moito maior cando as mulleres decidimos exercer a maternidade. Sobre nós recae o maior peso da crianza, e o elevado custe deste servizo fai incompatible a posibilidade de manter unha xornada laboral completa en moitos casos.
Lamentablemente aínda hai quen considera que o feito de que as mulleres traballen fóra da casa implica un obstáculo na educación das súas fillas e fillos. Nada se fala das excesivas xornadas laborais, en ocasións non remuneradas, nin da falta de corresponsabilidade dalgúns homes, nin do abandono institucional ante o pouco investimentio nas políticas de benestar social. Debemos de continuar reivindicando uns tempos compatibles coa vida que muden os roles sociais en torno aos coidados.
Si, a educación infantil iguala as oportunidades cando se traballa dende un modelo encamiñado á equidade, cando se fai universal. As nenas e nenos que proveñen de familias máis humildes teñen menos facilidade de acceso a un servizo de pago, pero esta desigualdade cae cando caen as barreiras económicas. Se queremos que ninguén quede atrás, hai que traballar a cohesión social desde idades temperás, que reequilibren a posición de desvantaxe de partida.Para que ninguén se quede atrás.

Educación e igualdade, o primeiro

Te puede interesar