Concello e Igrexa

Este é un Estado laico. Non ten xeito que a Igrexa manteña tantos privilexios”. Ben, esta frase, pronunciada por un ouvinte durante un programa de radio, infelizmente non responde á realidade. O Estado español dista aínda de ser un estado laico. É, si, aconfesional. Estes son conceptos próximos, mais non sinónimos. Nun estado aconfesional continúa a outorgarse á relixión un rol no espazo público (aínda que as institucións deben manterse neutrais e non tomar partido por ningunha confesión en concreto). Nun estado laico, en troca, pártese de que as distintas fes pertencen exclusivamente ao ámbito das crenzas particulares ou privadas e que en ningún caso constitúen un ben a amparar ou promover polos organismos públicos.

Non, non estamos nun estado laico (aínda que o BNG desexaría que así fose) e é desde esa perspectiva que debemos xulgar a presenza da alcaldesa da cidade, Inés Rey, nun oficio relixioso durante as festas da Virxe do Rosario.

Se Inés Rey tivese asistido a esa misa na súa condición de cidadá, para o BNG non habería debate. No Bloque militan moitos crentes, como tamén militan moitas persoas agnósticas ou ateas. Mais Inés Rey non foi ao templo a título individual, senón como alcaldesa da cidade, e deste xeito rachou co principio da exquisita neutralidade –aconfesionalidade- que un cargo público debe observar escrupulosamente. Unha cousa é que a alcaldesa manteña un encontro con representantes da comunidade católica da cidade –ou musulmá ou protestante ou xudea...- para tomar nota das súas demandas, como fai con calquera outro colectivo, e outra moi distinta é que participe nun dos seus oficios relixiosos. A nosa é unha sociedade cada vez máis plural e diversa –tamén cada vez máis secularizada- e non se deberían reavivar vellos ticks que nos retrotraen á maridaxe entre política e relixión, un trazo característico do nacional-catolicismo que soportamos durante os 40 anos da ditadura franquista.

Esa é, en realidade, a cuestión clave. Fican aínda por superar as vellas adherencias do atado e ben atado. Continúan a facerse funerais de Estado, mantense simboloxía relixiosa en non poucos edificios públicos e a Igrexa conserva privilexios fiscais que funden as súas raíces no tratado subscrito en 1953 entre a ditadura de Franco e o Vaticano, unha entente reactualizada nos acordos de 1976, este preconstitucional, e 1979.

Por certo, a denuncia deses acordos co Vaticano –en función dos cales o Estado obrígase a colaborar coa Igrexa no seu “adecuado sustento económico”- é un dos compromisos incumpridos por parte do Partido Socialista desde que recuperou o poder coa moción de censura a Mariano Rajoy. Se realmente temos o laicismo no horizonte, non é de recibo que se poda destinar unha parte dos nosos impostos, através do IRPF, a financiar unha confesión relixiosa determinada. É un privilexio que na sociedade de hoxe non ten xustificación posíbel 

O BNG desde logo ve urxente rachar esa dependencia coa Igrexa católica. Non teremos unha democracia realmente avanzada mentres a separación Igrexa-Estado non sexa total e mentres non deixemos atrás antigas vasalaxes. 

Concello e Igrexa

Te puede interesar