domingo 20.10.2019

Do que fai o medo

As campañas electorais teñen as súas cousas. E se non fora porque sempre nos xogamos moito, hai cousas de pata de banco moi graciosas e divertidas. Algúns dirixentes pensan que co decreto da nova convocatoria, ven adxunto algún tipo de reseteo que fai que a cidadanía esqueza, de golpe e porrazo, o mal papel que estes estiveran representando. 

É coma se vestiran un traxe diferente do que sempre levaron posto. Rivera, en plan lider de forza principal, esixe que PSOE e PP asinen un compromiso antibloqueo. Quere representar un rol de home de estado que non é seu, e ademais demostrou non estar preparado para selo. 

Un xeito de posicionarse  alleo a todo o relato que levamos vivido nestes meses. Sería desternillante senón fora porque Rivera é un culpable máis, e non dos menores, senón dos maiores –no estilo dialéctico de Rajoy– de que esteamos novamente nunha contenda electoral. 

Agora tamén anuncia a bombo e platillo que pactará ata coa súa sombra se fora menester. O mesmo linguateiro que falou da banda de Sánchez, agora vai en procesión e ofrecido para procurar pactos, acordos e repartos, co mesmísimo Pedro Sánchez. 

Incluso levanta vetos, cordóns sanitarios e ata ten operativo o seu teléfono móbil. O medo é libre e cada un ghasta o que quere, dicía o vello refrán, e Rivera evidencia coa súa linguaxe corporal, xestual e de comportamento electoral, que ten moito medo a que os vaticinios das enquisas, sexan real e rotundamente certos. Quizás sexa a crónica dunha debacle anunciada. 

As evocacións sempre son insolentes –dixo El– son amplas feridas que relatan a pura supervivencia, máis alá de nos mesmos. Reconstrúen a nostalxia e habitan nas fisuras fondas de sentirte. Evocarte ten a luz que apaga as invernías...

Do que fai o medo
Comentarios