Reportaxe | A sede da RAG acolle aos rapaces que se apuntalan como futuro da lingua galega

Reportaxe | A sede da RAG acolle aos rapaces que se apuntalan 
como futuro da lingua galega
Entrega dos premios “Contádenos o voso Día das Letras” na Real Academia Galega | pATRICIA g. fraga

A Real Academia Galega inaugurou este ano o concurso “Contádenos o voso Día das Letras”, co obxectivo de difundir e premiar as iniciativas escolares arredor da celebración do Día das Letras Galegas, celebrado o 17 de maio. O certame forma parte do proxecto web da Academia “Primavera das Letras”, que fornece desde 2016 á comunidade escolar de materiais lúdicos e interactivos para profundar na vida e na obra da figura homenaxeada co gallo do Día das Letras Galegas.
Nesta primeira edición de “Contádenos o voso Día das Letras” participaron preto de 80 centros de Infantil e Primaria de todo o país, con traballos que son boa proba da implicación e do bo facer do profesorado. “Vós sodes a sementeira”, díxolles Víctor F. Freixanes aos profesores dos centros galardoados.
Noventa nenos dos cinco colexios premiados encheron a Real Academia Galega de palabras e música de homenaxe a Casares, mesmo a ritmo de reggaeton para un poema do escritor. “Hoxe é para nós unha festa grande porque estamos recibíndovos dalgunha maneira como o futuro: vós sodes o futuro da nosa lingua”, aclarou o presidente Víctor Fernández Freixanes.
O acto
A celebración contou con Ismael Ramos e Antonio Couto, das editoriais Galaxia e Bolanda. Ambos os selos achegaron, entre outros, os libros infantís de Carlos Casares e a colección das Letras Galegas dos Bolechas que forman parte dos lotes de títulos cos que foron premiados.
Na celebración tamén participou Håkan Casares, fillo do autor homenaxeado o pasado 17 de maio e membro da Fundación Carlos Casares, quen lles recordou aos nenos que o seu pai comezou a escribir cando tiña a súa mesma idade. “Vós tedes que seguir facendo estas cousas -dixo en referencia aos traballos premiados- e seguro que algún día algún de vós levará un premio tan importante como o que levou el este ano”, animounos.
Con versos de Casares
O primeiro centro en subir ao estrado para recoller o seu premio foi o CRA Amanecer de Ribadavia. Dous nenos e unha nena do colexio rural agrupados saudaron ao público en nome do seu centro, que estivo representado no acto por dez dos seus alumnos e tres mestras. O salón de actos contou con participacións moi movidas como “Casares-ton”, o reggaeton composto no CEIP do Carballal para o poema “Amemos” de Carlos Casares.
Outro proxecto gañador foi o vídeo co que participou o CEIP Carlos Casares de Vilariño, o lugar onde se estableceu Carlos Casares. Por outra banda, Breixo e Antía falaron e recolleron o premio en nome do CEIP Plurilingüe Os Casais de Maniños. Os estudantes do CEIP Antonio Fernández López de Oural foron os últimos en recoller o seu premio, facendo cantar a todo o público “As letras galegas de festa están”.
A parte da participación na entrega dos premios, o alumnado tamén puido realizar unha visita guiada na que coñeceron o Arquivo e a Biblioteca da RAG, así como a Casa-Museo Emilia Pardo Bazán. l

Reportaxe | A sede da RAG acolle aos rapaces que se apuntalan como futuro da lingua galega

Te puede interesar