Reportaxe | O romance dunha muller con sombreiro e as letras que falan de brétema e paxaros

Reportaxe | O romance dunha muller con sombreiro e as letras que falan de brétema e paxaros
el ideal gallego-2018-05-18-036-6ef8762b-p

Din estos días os que tiveron a sorte de recibir clases de letras e tamén de maxia por parte de María Victoria Moreno que tiña o don de facer que amaras a literatura, dáballe unha volta ao Quixote para que o entenderas e os “cachorros” que era como lles chamaba os seus alumnos non reparaban nas datas de nacemento dos escritores, tampouco en se recibiran premios. Vivían os libros como se estiveran dentro deles. Esa era a lección máis importante. En castelán e en galego, o que lle custou á estremeña un seguimento especial dos grises, que lle confiscaron pasaporte para que non puidera viaxar nin fuxir. Non lle fixo falta porque ela tiña imaxinación de sobra na recámara para voar libre polas historias. Nunca se rendeu, tampouco o fixo cando lle diagnosticaron un cancro. 
A muller con sombreiro voltou onte a repartir maxia no seu día. Sacouna dunha “chisteira” redonda, un sombreiro amable como os contos que fabricou en vida, para que os coruñeses que non tiñan constancia dela a coñeceran polos seus textos. 

En María Pita, as letras de Moreno asomáronse ao balcón. Foron brétema, rechouchío e estrela. Contaba a autora que todos estes elementos “non son de ninguén”, son ceibes e coma eles os que estaban na praza escoitaron ao alcalde Xulio Ferreiro ler a Ana Romaní, que pilotou anos o programa “Diario Cultural”, de Radio Galega. A dirección decidiuno suprimir hai pouco e por ela e por todos os que traballan pola cultura galega, o rexedor ergueu a voz. 

Saltaron tamén a rodar os relatos de “A festa no faiado”, de Moreno, sobre un gato moi fermoso de ollos marelos e doces; “Os dous de sempre”, de Castelao, onde o rianxeiro contaba unha de nenos fazuleiros e bonitos. Tivo un oco no collage literario a obra da homenaxeada “Anagnórise” e con ela as palabras “abafante”, “mesta” e “noxento” botaron a andar ante a mirada de María Pita que aplaudiu cando un veciño lembrou a homenaxe de María Victoria a Sara, a percebeira das Ons: “Cando estaba a punto de morrer, levantou moito a voz contra o ‘Prestige’”. 
Así foi que un espontáneo falou de regresión da lingua de Galicia, a mesma que Manuel María bautizou como labrega e mariñeira. “Mar adiante” foi outra das obras elixidasa e a que adoitaba a agasallar bombóns con poemas pasouse tamén polas librarías. 
En Fiandón, a maga das letras foi exhibición de canto e pandeireta a cargo dos alumnos do local e coa participación dos rapaces do colexio Curros Enríquez. Non moi lonxe, en Berbiriana, Félix Arias e Victoria Díaz fixeron dos seus contos, cancións para os pícaros, que tiveron a opción de asistir a un obradoiro de números e creatividade na praza de José González Dopeso promovido pola libraría Azeta, que lle puxo banda sonora. A das gaitas que contribuíron a facer máis festa nunha xornada na que Formatos inaugurou a mostra “Dando forma ás palabras”. En Metrópolis Cómics, o galego paseouse en viñetas nun taller dirixido por Kiko Dasilva e os estudantes de Garaxe Hermético. Xurxo Souto levou as letras polo Atlántico que baña as rochas percebeiras das que falou nun roteiro onde contou o nome e a historia de cada unha delas. 

Bo tempo
Nos Castros, Moreno foi motivo para ensinar a encadernar, a facer arte postal coas mans e a respirar ao aire libre porque o bo tempo axudou nun 17 de maio que exaltou nada menos que a unha muller de Estremadura, que medrou entre terras castelás e Cataluña e fíxose filóloga en Madrid. Mais María Victoria Moreno quixo ser galega. 
Por esa condición, Deputación e Xunta repartiron publicacións sobre a súa figura en forma de obra audiovisual e folletos. A institución provincial promoveu tamén unha especie de xogo interactivo para achegarse a ela. 
No Sporting Club Casino, Lois F. R. Vázquez repasou vida e obra da ensaísta e tradutora, o grupo de teatro María Casares leu “Can Branco Can Negro” e os membros do ballet Bainga bailaron as letras para rematar o acto coas voces da polifónica da entidade. 
Antes de que o sol se puxera, a efeméride foi teatro na sala Gurugú onde a agrupación Elsinor representou “O palco e as Lúas”, de Manuel Lourenzo quen charlou ao rematar a función do teatro e as verbas que colle da lingua para dramatizar, ser e estar porque como ben dixo María Victoria a súa opción de escribir e falar en galego foi, en realidade, unha historia de amor. No teatro Colón, as letras mudaron por sons, algúns de hai máis de 2.000 anos. 

A butaca deleitouse coa posta en escena de Abraham Cupeiro, que mesturou músicas de agora con anteriores. O multinstrumentista tocou a karnix, unha trompeta de guerra celta de tres metros, a corna e a uillean pipe, da familia das cornamusas e xuntou tango con cornetto. 
As Letras Galegas vivíronse na comarca cunha ofrenda floral en Bergondo, na que o gaiteiro Pedro Lamas leu un manifesto e actuaron os Gaiteiros de Bergondo. Sada abriu o salón do libro e a festa prosegue hoxe en librarías como Sisargas, onde haberá ás 19.00 un obradoiro de literatura fantástica. Santos Ochoa celebrará un faladoiro do xénero ao mesmo tempo e Moito Conto abrirá un coloquio no que se sentarán Fina Casalderrey, ex alumna de María Victoria, Mercedes Queixas e Dores Tembrás. A recordar a unha muller entusiasta e sensible que calzaba sombreiro.

Reportaxe | O romance dunha muller con sombreiro e as letras que falan de brétema e paxaros

Te puede interesar