O 2022 convértese no mellor ano turístico para Galicia tras bater récords

O 2022 convértese no mellor ano turístico para Galicia tras bater récords
Dous turistas pasean en bicicleta pola zona da Mariña, na Coruña | Patricia G. Fraga

O fin do dobre Ano Xubilar 2021-2022 non puido deixar mellores noticias en Galicia no que ao turismo respecta. A comunidade autónoma pechou o ano pasado batendo récords de ocupación turística, o que certifica o éxito do Xacobeo unha vez máis. 
 

Máis de 6,5 millóns de viaxeiros aloxados e 12,5 millóns de noites no conxunto da comunidade é a radiografía que deixa o ano 2022, segundo os datos publicados polo Instituto Nacional de Estadística (INE). 
Con estas cifras, Galicia recupérase do forte impacto que tivo a pandemia do coronavirus no sector, un dos máis castigados polas restricións impostas para conter o covid-19. En concreto, supera nun 40% os datos do 2021 e supoñen un 3% por encima dos rexistros prepandemia.  

 

Un destino importante

Cada vez son máis os turistas que se decantan por Galicia como destino turístico. A súa riqueza gastronómica, cultural, artística e social erixen á autonomía como un referente dentro do sector. Mostra diso é que a comunidade continúa mellorando un ano máis a súa posición na clasificación de destinos españois. Actualmente, é o sétimo máis importante do Estado. 
 

Por detrás do territorio galego atópanse Canarias, Cataluña, Andalucía, Baleares, a Comunidade Valenciana e Madrid, segundo destaca o Goberno galego, que subliña que Galicia mellora en oito puntos a distancia con respecto á media do conxunto do Estado. 
 

O éxito do Xacobeo é visible nas noites que os turistas pasaron na comunidade galega, que supera por primeira vez a barreira dos doce millóns no total anual. A Xunta de Galicia destaca que a incorporación dos albergues ao cómputo global foi un dos motivos que explica o dato extraordinario do ano pasado —hoteis, pensións, apartamentos turísticos, cámpings e turismo rural completan a lista—.
 

Os hoteis e pensións son os establecementos turísticos que máis demanda concentran, cun 72% (59% corresponde a hoteis e 13% a pensións), mentres que o aloxamento extrahoteleiro concentra o resto (28%). Dentro desta tipoloxía, os apartamentos turísticos supoñen un 5,1%, os cámpings un 8,7%, o turismo rural un 3,1% e os albergues un 10,6% dos aloxamentos preferidos polos viaxeiros que elixiron Galicia para pasar as súas vacacións.
 

Estes datos supoñen unha subida en todos os tipos de establecementos turísticos, pero destacan especialmente os albergues, que dobran as cifras rexistradas no ano 2021.

 

Procedencia dos turistas

Os viaxeiros españois son os que máis visitan Galicia, pero o seu peso diminúe en 2022, pasando do 86% do total ao 75%. 
 

Con todo, a nivel aloxamento as cifras melloran con respecto ao ano 2021, sobre todo no turismo nacional que consegue superar o nivel de 2019 nun 4,4%. Marca, desta maneira, un máximo na serie histórica con preto de 9,4 millóns de noites.  
 

Ademais, os turistas internacionais comezan a gañar terreo e duplican os seus datos, malia que aínda supoñen só o 25% das pernoitas rexistradas. 
 

Con estas cifras, todo parece apuntar a que o sector seguirá o mesmo camiño este ano, xa sen Xacobeo. Haberá que esperar ao próximo balance para ver se o 2023 ‘fai o agosto’, xa que é o mes con maior afluencia. Só este ano, rexistrou 2,6 millóns de noites, o 21% do total anual.

O 2022 convértese no mellor ano turístico para Galicia tras bater récords

Te puede interesar