A académica Montse Pena abre as celebracións co entrañable pregón "dunha nena de Sada"

A académica Montse Pena abre as celebracións co entrañable pregón "dunha nena de Sada"
Pena estivo acompañada polo alcalde de outros membros da corporación municipal

O escenario instalado no Paseo Marítimo de Sada, ao carón de A Terraza, acolleu a lectura do pregón das festas de verán, a cargo da sadense Montse Pena Presas, membro da Real Academia da Lingua Galega.

 

Montse Pena Presas (Sada, 1981), licenciada en Filoloxía Galega e doutora en Filoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela e Máster en Edición pola Universidade de Salamanca, é profesora da área de didáctica da lingua e da literatura da USC, actualmente na Facultade de Ciencias da Educación de Santiago.

 

Na súa intervención, comezou dicindo que, "se por casualidade alguén se me achegase e me preguntase quen dá o pregón deste ano, eu diríalle que o dá unha nena de Sada". En concreto, "unha nena de Pazos e da Tenencia, a orgullosa neta dun mariñeiro (bisneta, sobriña e curmá de mariñeiros tamén) e dunha labrega, unha alumna que foi feliz en Mondego e no Isaac Díaz-Pardo, unha rapaza que aprendeu a nadar entre Arnela e Morazón e que volve a eses lugares sempre que pode, unha cativa que aínda se lembra de xogar ás agochadas na praza da Peixería e de bañarse nas plataformas no que parecía ser un verán infinito".

 

A pregoneira, emocionada ante os seus, asegurou que "os sadenses levamos a ría por dentro, como un sistema de circulación propio que nos latexa no interior, e que cando baixa a marea, baixamos nós canda ela, e cando sobe, volvemos subir nós con ela".

 

Na súa intervención citou a Ramón Suárez Picallo, "o noso paisano", que nunha carta escrita dende Chile, hai case máis de 70 anos, ao escritor Eduardo Blanco Amor, dicía "Yo quiero recoger de tu carta una última frase: 'me dices en ella que si tuvieras las tierras que yo tengo, mi casa y el amor de los míos, no pensarías en otra cosa que en cultivar todo eso: yo te juro por el amor y la memoria de mis muertos que en esas tierras, en la casa y en el cariño de los que quedan en mi humilde hogar de Beloy tienes tú, para disfrutarlo (...), la mitad de todo”.

 

Unha carta que continúa "loubando" algunhas "pequenas marabillas" como "las aguas de mi hermosa Ría de Sada, camino de los Caneiros, seguirán azules de día y por la noche encendidas de 'ardentía', iluminando los cuerpos apolíneos de los muchachos nadadores para delectación de nuestros ojos fatigados; en la Plaza de San Roque volveremos a ver los pespuntes mágicos de la 'muiñeira'..."

 

Para Montse Pena, á que acompañaron o alcalde, Benito Portela, e varios concelleiros dos distintos grupos representandos na corporación municipal, "Sada fainos ao nacer, dous agasallos: a súa luz nunha mañá de verán e a súa condición de vila aberta, de enclave privilexiado, do que marcharon moitos pero tamén á que volveron moitas. Quizais, porque o perfil lineal da vila, marcada polo seu peirao, funciona como unha sorte de cordón umbilical que nos acaba por traer de novo aquí, inexorablemente"

A académica Montse Pena abre as celebracións co entrañable pregón "dunha nena de Sada"

Te puede interesar