Tempos de tribulación

Tribulación é substantivo feminino que fala de grave e continuo sufrimento físico ou moral; tamén de circunstancia ou situación que causa preocupación na vida normal. Palabra que nos trae lembranza dunha cita mítica atribuída a un santo católico: En tempos de tribulación, non facer mudanza. Realmente a expresión orixinal é desolación, sinónimo de aflición, por ser sufrimento moral ou pena. Así e todo, orixinal ou adaptación posterior, é consello que vén ao caso para a situación que afronta a cidadanía europea que está nas vésperas dun tempo arrepiante: As precipitacións da crise climática, con vagas de calor insoportábeis e incendios descontrolados; os efectos das políticas económicas acentuados polo conflito na Ucraína que crean unha situación de inflación empobrecedora; a crise enerxética que aveciña un inverno moi duro con proposta de medidas de redución de consumos no gas que non son do gusto de todos e traen a lóxica disensión política mesmo coa ameaza de rachar unha unidade nas decisións que se veñen amosando pola imposición do patrón americano; e, finalmente, polas mudanzas políticas que se ollan á vista. 
 

Europa, pois, está diante dunha auténtica emerxencia enerxética. A súa fixación como obxectivo principal é, daquela, rematar con esa dependencia enerxética. Propósito que vén de atrás porén que non acaba de encaixar. Nada nun mar de contradicións e nunha reviravolta de movementos contrarios que imitan á pescada que morde o seu propio rabo. Velaí, ata hai poucos meses a prioridade eran as enerxías verdes. Agora considera á enerxía nuclear  e mesmo ás do carbón como tal, vista a negra ameaza que pende sobre o subministro do gas, tamén verde para a UE. 
 

Ao antedito, sumemos a nula autonomía estratéxica; e, consecuencia diso, a dependencia dos hidrocarburos, incluídos os contaminantes e carísimos caso do gas de xisto norteamericano. Deste xeito, cos últimos acordos políticos, ficamos enterrados baixo o peso do novo concepto estratéxico da OTAN agravado pola ausencia de avances no modelo enerxético. Con este panorama, non é de estrañar, mesmo que sexa política e moralmente inaceptábel, ver as autoridades do continente petando na porta de países violadores dos máis elementais dereitos humanos e democráticos, para acadar vías de compra alternativa nun tráfico de produtos enerxéticos que semella ser mafioso. 
 

Ás portas dunha crise alimentaria sen precedentes, no contexto dunha guerra que non se quere parar, máis dependentes dos EEUU e militarizados, sen dúbida veñen tempos de tribulación. Abofé.

Tempos de tribulación

Te puede interesar