A subsistencia en negro

Subsistencia é substantivo feminino; unha palabra que indica ese feito de permanecer ou de subsistir unha cousa. Subsistir é seguir existindo; e dicir, perdurar, persistir. Velaí a metáfora deste pasado venres, o de onte no que por coincidencia conmemorouse o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, causa dramática, xusta e necesaria que se celebra todos os 25 de novembro desde 1999 como lembranza e homenaxe a tres mulleres dominicanas asasinadas tal día como este pola policía do ditador Trujillo; e, neste ano, polo día da semana en cuestión, do tamén chamado Black Friday, creación de interese dos negocios como festexo de orixe norteamericana que, coma un raio, estendeu a súa acción de contaxio mercantil por todo o planeta e que está dedicado a converter o que parece ser era o día de menor actividade comercial en Estados Unidos nunha auténtica orxía de consumismo. Dúas facianas que teñen en común, a cor.
 

Venres negro, no que o mundo mercantil non debe copar foco de atención sobre a situación que afronta a humanidade, concretada nunhas cifras de xenocidio que se derivan deses preto de corenta mortes de mulleres, a mans das súas parellas,  que, a día de hoxe, levan contabilizando as traxedias que se viven nas familias afectadas a nivel estatal; situación que se repite ano tras ano a pesar de todas as campaña de concienciación educativas e sociais e das mobilizacións a xeito de manifestacións, polas rúas e prazas do país, que se producen tras cada asasinato. Algo que non pode normalizarse. O venres negro, ou calquera outro da semana no que cadre o 25 de novembro, non é un día só, senón cada unha das datas nas que unha muller sexa asasinada, forzada en contra da súa vontade e soporte aldraxe ou violencia contra dos seus elementais dereitos coma muller. 
 

Por iso, os feminicidios, a fenda salarial, o reparto desigual dos coidados, do emprego e da riqueza e a precariedade enfrontada polas mulleres, especialmente as traballadoras, obedecen a unha lóxica mundial de poder. Un fenómeno que se relaciona directamente coa perpetuación deste sistema capitalista que é patriarcal; fasquía negativa que ten o seu efecto nos comportamentos individuais das persoas; polo que sendo a violencia machista un fenómeno global, é urxente darlle un enfoque mundial que faga deste concepto de “venres negro” un chamado á reacción eficaz fronte á violencia que soportan as mulleres nos ámbitos da súa vidas. Afastar a súa subsistencia en negro.

A subsistencia en negro

Te puede interesar