Salvarnos nós mesmos

"Crebemos o xugo do pasado, pobo de servos, ergue xa, que o mundo vai ser transformado e unha nova orde nova vai reinar” porque “non hai salvadores supremos, nin rei, nin tribuno, nin deus, temos que salvarnos nós mesmos, o pobo traballador”. Velaquí, na súa adaptación á lingua galega, a mensaxe de compromiso e mobilización que na letra deste himno, A Internacional, convoca cada Primeiro de Maio, Día das e dos Traballadores, á reivindicación de xustiza laboral.


Lembranza, con manifestacións polas rúas e prazas de toda a orbe planetaria, que o movemento obreiro mundial fai esixindo dereitos e procurando novas conquistas de benestar social, traballo e salarios dignos; mais tamén no recordo das primeiras vítimas, pioneiros do sindicalismo combativo, con énfase na honra aos cinco traballadores condenados a morte e logo executados no proceso de rebelión da Praza Haymarket, os mártires de Chicago, orixe desta conmemoración.


Memoria, tamén no caso do sindicalismo galego para os nosos propios mártires, no ano no que se recorda o cincuenta aniversario da represión de 1972, en Ferrol e Vigo, persoas ás que honramos especialmente na súa particular data conmemorativa, o 10 de marzo, porén que dotan á causa do universo laboral específico de Galiza dunha especial debilidade, posta en evidencia de xeito dramático nos efectos da precariedade no emprego e salarios, no aumento da contratación a tempo parcial, agravados nos colectivos máis débiles: Mozas e mozos con traballos que non fan xustiza á súa necesidade, a máis grande parte deles no sector servizos, e aínda máis no emprego feminino. Efecto amplificado pola falta dunha política galega acaída ás necesidade do país.


Non é día de festa. Non, abofé. Nada hai que celebrar, todo o contrario aquí e acolá fóra é data de loito. De trocar as bandeiras vermellas que identifican mundialmente ao movemento obreiro por crespóns negros cos que chorar polas vítimas dos accidentes laborais, pola perda irreparable do estado de benestar social, a eliminación continuada de dereitos adquiridos, o empobrecemento das condicións de traballo e salariais; e, máis que todo, pola dramática situación económica e social debida á carestía da vida na que xa viviamos, agravada pola guerra ucraína, sen que os gobernos de quenda, en Santiago e Madrid, poñan en acción políticas eficientes á hora de atallar o impacto que os altos prezos dos bens e servizos básicos están a ter sobre a clase traballadora.


Música centenaria de rebelión na letra intemporal de “Á folga”: Contra o goberno da fame, ímonos levantar todas e todos os traballadores, cóbado con cóbado, polo pan”. Salvarnos nós mesmos.

Salvarnos nós mesmos

Te puede interesar