Rueda salva a Jácome

Ao presidente da Xunta e próximo líder do PPdeG, Alfonso Rueda, caeulle a careta ao renunciar a acudir á reunión convocada polo Partido Socialista para dialogar sobre a substitución de Gonzalo Pérez Jácome da Alcaldía de Ourense.

O PP deixou meridianamente claro coa súa actitude que non teñen vontade de falar nin de dialogar. Alfonso Rueda é neste momento o único responsable de que o PP siga mantendo na Alcaldía de Ourense a un señor que avergoña á cidadanía. Un partido de goberno como o PP non debería permitir que a cidade de Ourense siga gobernada por un alcalde como Jácome que non representa aos ourensáns.

Coa renuncia a dialogar do PP, quedou en evidencia que o que menos lle preocupa ao presidente e ao seu partido son os intereses dos ourensáns. Está claro que ao PP non lle interesa en absoluto falar de nada que non sexa manter ao alcalde, o resto é un paripé que lles xera incomodidade, pero resulta evidente non van facer nada por sacalo da Alcaldía xa que o seu único obxectivo é impedir que goberne o PSdeG. Alfonso Rueda como digno sucesor de Feijóo amosou ás 48 horas de asumir a presidencia da Xunta non ter escrúpulos e seguir a estela do “trilerismo” político do seu antecesor defendendo que goberne a lista máis votada só cando lle interesa. Non se entende que o PPdeG ofrecese ao secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, un acordo global para que goberne a lista máis votada pero descartase un puntual agora para Ourense, convertendo a Ourense nunha boa mostra para toda España da acción política de Feijóo, xa que ademais de en Ourense, en Andalucía e en Castela e León, sendo o PSOE primeira forza, o PP non dubidou en aliarse con Vox para facerse co goberno. Feijóo xa fixo en Ourense o contrario do que predica, fixo alcalde a Jácome sendo a terceira forza política, así que pouco crédito nesta materia pode ter aquel que cando tivo a oportunidade aliouse cun “outsider” como Jácome co único obxectivo de que non gobernase o PSdeG.

Fronte a esta actitude de bloqueo, os socialistas actuamos con responsabilidade e lealdade acudindo a reunión sen ningún tipo de condicionante coa única finalidade de resolver a indignidade na que se atopa a alcaldía da cidade de Ourense. Non puxemos nomes sobre a mesa, non sinalamos quen debe ser alcalde ou alcaldesa e o único que recibimos como resposta foi unha cadeira baleira. Mensaxe recibida, poñémonos a traballar para xerar unha alternativa de goberno coa que poder desbancar a Jácome nas urnas unha vez que o PP ten condenado aos ourensáns a seguir gobernados polo actual alcalde ata as eleccións do vindeiro ano.

Rueda salva a Jácome

Te puede interesar