Un roto e un descosido

Chama por teléfono, dá un nome e non cala, non escoita, pregunta e fala, fala seguido ata que o interlocutor corta sen máis. Era unha asistenta virtual, unha aplicación que, segundo quen conteste, ten voz de home, de muller ou neutra, pero non responde ás preguntas. Pregunta só ela e pregunta polo que alguén quere saber, para vender mellor. Que vende? O que vostede queira, estas vendedoras virtuais están de moda e teñen éxito, son amigas, son tranquilas e non levantan a voz. Se é preciso, insisten cantas veces faga falta, pero non alteran o ritmo, non berran nin se enfadan.
 

Nin protestan, nin teñen horario, nin baixa médica nin reclaman máis salario. Son as vendedoras creadas pola Intelixencia Artificial, que vén de dar a coñecer ás catro presentadoras virtuais que traballan en informativos das televisións do Sur de Asia (India, Bangladés ou Pakistán), Sana, Lisa, Aparajita e Fatma. A prensa deu a nova e di que son catro creacións capaces de falar en varios idiomas, de entendelo todo e narrar aquilo que o produtor ordene que se transmita. 
 

Cada unha é como queren que sexa, viste e peitéase conforme ao gusto da audiencia, como queiran que o faga. Serán altas, gordas ou fracas segundo os intereses do instante, darán a información que lles indiquen e tal como lle lo indiquen, no medio que corresponda, na radio, na televisión, a través de internet ou onde e como proceda, nese sistema multimedia que serve para un roto e para un descosido.
E, as persoas? De que se ocuparán as persoas, nestes anos vindeiros, cando todo sexa virtual? Aí está, os mitos aséntanse nas creacións informáticas e na telemática, capaz de combinar técnicas e servizos de información, de informática e de telecomunicacións para dar respostas eficientes e máis baratas ás demandas da cidadanía, da clientela mundial, deste mundo que tan ilusionado estivo por ser global. 
 

A globalización favorece á convivencia e proporciona felicidade á cidadanía? Os espertos disto no falan, falan do negocio, do mundo global dos negocios, da globalización da economía e da mentira como mercadoría. O coñecemento é fundamental, neste caso, e unha soa tecla pode axudar a universalizalo e a facelo común. O mesmo saber, os mesmos gustos e as mesmas pretensións para todos e todas.
 

A Intelixencia Artificial (IA), esa capacidade dos ordenadores, móbiles e robots, para realizar tarefas que requiren intelixencia humana, axudará cada vez máis aos procesos de información e, como di a Tía Manuela, “de modo moi especial, á manipulación e orientación deses procesos, sen esquecerse de quen manda”, sabendo -como todos deben saber- que a información é poder e que unha sociedade ben informada é unha sociedade máis libre.

Un roto e un descosido

Te puede interesar