Repertorio da precariedade

Ser moza ou mozo debería ser sinónimo de cambio, de progreso, de futuro. Ser novo é, de xeito evidente, enfrontar os desafíos e crear ou recrear un espazo para o desenvolvemento pleno e o futuro. Converter problemas en oportunidades, en solucións, ser o motor impulsor da sociedades. Malia que debería ser iso, o seu presente é sombrío, o futuro incerto, quizais aínda máis gris. A xeración de mozos mellor preparados da nosa historia atopan con todo as portas pechadas. Andazo que vén de tempo atrás co que foron alcumados, dende os medios de creación de opinión pública, de distintas formas. Nun principio, chamábanlles os “mileuristas”; afortunados aqueles que gañaban polo menos ese limiar ao redor dos mil euros, hoxe nin sequera iso, só desemprego, maletas e marcharse fóra, expatriados á forza como os seus avós. Co paso dos anos popularizouse o anatema slogan de xeración perdida. Os precarios, os indiferentes. E a aqueles que nin estudan nin traballan chamóuselles xeración nin-nin. Todo un catálogo lingüístico do repertorio da precariedade.


A súa situación actual non é fácil de asumir. Os traballos aos que continúan poder acceder son precarios, temporais, mal pagados ou mediante bolsas que simplemente serven para abusar deles aínda máis. Iso, as persoas que teñen a oportunidade de atopar un traballo aquí, no país, porque a alternativa neste momento é buscar a vida fóra: na última década foron case 80000 mozas e mozos galegos, de entre 16 e 29 anos, os que se viron na obriga de emigrar na procura dun futuro lonxe da nosa terra. Mentres tanto os gobernos de quenda, en Compostela ou Madrid, no canto de crear un plan de emprego xuvenil que garanta a súa real inserción laboral, teiman na consolidación dunha reforma laboral que nin avanza en dereitos para a clase traballadora nin recupera os que xa estaban perdidos. Unha cousa fica evidente, as sucesivas decisión políticas negan o pan e a sal; e dicir, os dereitos básicos, á mocidade para manter intactos os intereses dos grandes poderes económicos.


Unha gran parte dos traballadores desempregados son novos, e deles moitos están formados na universidade, falan idiomas, están dispostos a renunciar a traballar e desenvolverse naqueles ámbitos para os que se formaron. Non teñen perspectiva a curto prazo. Tampouco a medio. Así, van  pasando os anos e continúan sen  posibilidade de construír o seu  proxecto de vida á que teñen dereito. Fúrtaselle ata a posibilidade de soñar co futuro digno que merecen. É tempo de darlles voz.

 

Repertorio da precariedade

Te puede interesar