O reloxo da Apocalipse

Un cronómetro simbólico, metáfora da crecente ameaza que pende sobre a supervivencia da civilización humana, popularmente coñecido polo “reloxo da Apocalipse”, mantense na conta atrás dende fai setenta e cinco anos a partir dunha iniciativa de alerta que impulsaron os técnicos e académicos autores do Boletín de Científicos Atómicos dunha prestixiosa universidade americana, escaldados cos efectos destrutivos da bomba atómica e partindo da base didáctica que usa unha analoxía fácil de entender, malia non lle facer caso algún: A especie humana está a “minutos da medianoite”, onde a medianoite representa a “destrución total e catastrófica” da especie.


Na súa orixe, este temporizador virtual figurado, representou o perigo da ameza de guerra nuclear exterminadora do mundo global, e trala caída do muro berlinés no plano político, puxo foco nos cambios que configuran a emerxencia climática planetaria, e de todo novo desenvolvemento nas ciencias e da nanotecnoloxía que puidese inflixir algún dano irreparable; cabalmente probable.


Cousa seria na advertencia dos sabios, a cronometraxe comezou en 1947 fixando un período de sete minutos de tempo restante para esa poética medianoite que alén de verso florido é presaxio sombrío de agoiro fúnebre. Logo, instalados na dinámica da Guerra Fría, non pasaron máis de dous anos en verse obrigados a reducir este número cativo de minutos de graza na supervivencia. E, deste xeito, axuste tras axuste co actual grao de ameza nuclear, ambiental e tecnolóxica para a Humanidade xa só fican cen segundos; e dicir, minuto e medio para as 12, hora do “xuízo final”.


Coa ollada virada de cara á Ucraína, escenario de barbarie e catástrofe humanitaria, explosión dunha tensión bélica que, esquecida entre nós, trae novamente á memoria certeiramente a causa primixenia da creación deste temido reloxo: A guerra nuclear. Por iso, os científicos escolleron o concepto de conta atrás, propio da acción militar, e de apocalipse como sinónimo da noite final.


Aínda máis, a Covid-19, no segundo aniversario do confinamento, coa grande parte da poboación de menores recurso sen vacinar, é problema sanitario condicionante da cobizada normalidade. O mundo semella non ter aprendido a lección da pandemia sanitaria. Menos aínda o da evolución acelerada do cambio climático e outros eventos catastróficos que precisan dunha rápida acción enfocada á súa solución de raíz. Sen dúbida, o momento é perigoso e insostible, e o tempo de actuar é agora. Apocalipse que só pode evitarse aprendendo dos erros pasados. Soa o tic, tac.

O reloxo da Apocalipse

Te puede interesar