Dos regresos

Nestes días, asistimos á celebración desas cerimonias da imposición que Vox e PP chaman, eufemisticamente, pactos. Especialmente significativo o caso de Estremadura, e da súa futura Presidenta María Guardiola. Onde dixera nunca, agora figura sempre, e ela mesma asume que a súa palabra non vale nada, que só  a sociedade estremeña importa. Case simultaneamente, Feijoo falaba do valor da Palabra na Política. Non crean nas casualidades, na política de ese nivel, non existen. Unha vez obrigada a estremeña a dicir diego, onde dixera digo, tocaba agora facer un remendo de aparencia, un apaño, dende a máxima altura do partido. O certo é que o que manifestan, tanto os berros coma os murmurios, non pinta nada tranquilizador.  Regresan tempos de discutir o xa discutido e aprobado. Tempos de impor visións xa caducas de temas xa felizmente superados. Unha sorte de revisionismo que, amparado polo título global de Cultura, Familia ou Medio Rural, pretende recuperar usos que definen como tradicionais e de toda a vida. Regresos a xogos de palabras de rexeitamentos de calquera violencia, ou dos discursos machistas, pero xa non aparece escrita, e con concreción, a violencia de xénero, nin os postulados atacados da diversidade afectiva e sexual. Foi unha rendición en toda regra, por imposición e mandato superior. Pero hai outros regresos máis amables. Estiven nestes días desfrutando a serie Rapa, e recuperei grazas a ela vivencias e xeografías de Ferrol, a Capelada e Cedeira, que seguen a vivir en min. Lugares como a rúa Real,  Praza de Armas,  Arsenal, a Malata, os Cantóns, as Meninas da Magdalena, o Quartel de Dolores e o meu piso na rúa do Carme, cunha terraza chea de luz e de mar. Un retorno que ven acompañado do propósito de recuperar tempos perdidos. Aínda que sexa a costa de incumprir aquelo de que  nunca regreses a onde fuches feliz.


Does como a imperfección dunha emoción inacabada...

Dos regresos

Te puede interesar