Palabras baleiras

Hai que estar feito de ferro ou, se cadra, unha retranca de pedra de canteira, para escoitar hoxe en día certas expresións e palabras sen botar a man á carteira ou, directamente, soltar un sorriso que sabe a vinagre. Conceptos como “xustiza social”, “igualdade” ou “verdade” soan a epitafio, a flores de plástico nun cemiterio de boas intencións. Son palabras enfermas, moribundas, pronunciadas por oradores que, no mellor dos casos, non saben o que din e, no peor, sábeno demasiado ben.


O verdadeiramente grave non é a súa agonía semántica, senón que coa súa doenza perdemos os instrumentos para a defensa social. O que non se nomea con precisión, non existe. E así, mentres nos entreteñen con esta xerga oca, imos perdendo. E perdemos máis forte. Xa o confesou sen disimulo ese mítico factótum dos negocios, o tal señor Buffet, cunha sinceridade que desarma: “Claro que hai unha loita de clases e os ricos estamos a gañala”. Esta si que é verdade coma un templo, tanxible nese dato que nos refregan polas narices: o un por cento do patrimonio dos máis ricos do planeta equivale a 22 veces o necesario para erradicar a pobreza mundial. Aí queda iso.


Asistimos ao éxito póstumo daquel ministro de propaganda nazi que teorizou sobre a eficacia da mentira repetida ata a saciedade. Hoxe en día, acelerada por altofalantes, son infinitamente máis potentes. Chegan ao máis pequeno curruncho dos espazos individuais. Cadaquén leva no peto un aparello que multiplica as falsidades en bucle, confundindo interesadamente a liberdade de expresión coa libertinaxe para sementar o caos. A verdade e a democracia, vencidas pola confusión.


E cal é a mensaxe que nos gritan ás orellas sen descanso? Que a única aspiración válida é ser rico. Coma se a felicidade fose un electrodoméstico de última xeración, coma se o planeta fose un almacén de recursos inesgotable. Coma se non fose máis intelixente e, sobre todo, máis humano e xusto, repartir, coidarnos, entender que a nosa especie goza máis de cooperar que de devorarse.


Esta enfermidade das palabras ten as súas metástases galegas, abofé. Escoitamos falar de “política contra o despoboamento” mentres as aldeas morren de falta de apoios e os servizos básicos centralízanse na cidade. Enchoupan a boca con “enerxía sostible e verde” mentres enchen os nosos montes de muíños que benefician a empresas foráneas, deixándonos a nós a paisaxe ferida e a factura da luz intacta. Falan de “emprego de calidade” e a nosa mocidade segue a facer as maletas.


Quizais a única vacina, o único antídoto, sexa tan sinxelo que parece revolucionario: conseguir que as verdades repíntanse, polo menos, tantas veces como as mentiras. Dicilas alto e claro, sen medo. Porque este espazo físico e social que habitamos, esta nosa terra, vai polo camiño da perdición sen retorno. E cando iso aconteza, de nada nos servirán as palabras decorativas, fermosas e baleiras.

Palabras baleiras

Te puede interesar

Xosé Castro Ratón
Xosé Castro Ratón