Nun mundo fragmentado

Froito da riqueza mundial que representa a diversidade dos pobos e das súas culturas, evitando así o perigo do empobrecemento social consecuente á uniformidade dunha humanidade cosmopolita globalizada submisa ao poder do imperio dominante; aínda que para a maioría do planeta o primeiro día de xaneiro supón o comezo dun novo ano, para o territorio soberano máis poboado do mundo é un día máis porque a China celebra o seu aninovo seguindo o seu propio horóscopo que se rexe polas fases da lúa, non polo calendario “gregoriano”, de xeito que a súa data de entrada anual cambia e, pola mesma razón, os anos chineses nunca son iguais na súa duración. Con ese criterio histórico e tradicional de partida, o aninovo deste espazo xeográfico oriental acontece entre os días 21 de xaneiro e 20 de febreiro, período no que pode caer a primeira lúa nova após o solsticio de inverno. No ano que esta a correr vai ser precisamente nas datas desta fin de semana. E non falamos de 2023, caso occidental, non. Aquí, nesta marxe dos mares do alén oriente, é o ano 4721.


Malia ser inverno meteorolóxico, nunha sutileza lingüística, a remuda anual para eles é Festival de Primavera, tomando como data de tránsito unha que, na consideración da retranca galega, é un “depende” do día que sexa coincidente coa lúa nova no calendario lunisolar que marca a entrada do novo ciclo nesta cultura popular herdeira da devoción polo universo rural. É a natureza a que guía o seu ritmo da vida. Icona simbólica que se completa coa advocación asociándoa a unha figura do horóscopo chinés que conta con doce animais de referencia. Este é o Ano do Coello de Auga, toda vez que ao animal considerado engádeselle unha variable relacionada con cinco diferentes elementos da natureza de xeito que non se repetirá esta mestura ata pasar outros sesenta anos máis. Agoiro enigmático. Unha cousa que agranda, se cabe, o seu patrimonio de cultura inmaterial.


O acontecemento suma festa e tradición, cargada con rituais e celebración que conxugan o pasado coa evolución tecnolóxica e social que vive esta sociedade nos tempos de hoxe en día; iso si, coa preocupación puntual ollando de cara ao nivel da onda de contaxios pola Covid-19 que está a padecer este país asiático, recoñecido centro de propagación desta pandemia vírica universal.


O aninovo así considerado tamén é celebración nos ámbitos estatais dunha outra boa parte da xeografía asiática, coa súa propia idiosincrasia. Velaí o caso vietnamita no que se semella dar “gato por coello”, xa que para eles é o Ano do Gato, recoñecemento á importancia deste animal nas labores agrícolas. Xeitos, modos e fenómenos diferenciais. Patrimonio da humanidade necesario.

 

Nun mundo fragmentado

Te puede interesar