No nome da paz

Deámoslle unha oportunidade á paz. Velaquí o lema que presidiu boa parte dos centros educativos galegos, días atrás, na conmemoración do día escolar da Non Violencia e a Paz, reiterando compromisos educativos a favor da tolerancia, a solidariedade, a concordia, o respecto aos dereitos humanos, a non violencia e a paz. Lembranza do aniversario da morte de Ghandi que nos deixou este mandato á humanidade digna de tal nome: “Non hai camiño para a paz, a paz é o camiño”. Malia a boa vontade que impulsa a pedagoxía do ensino, a realidade que impera nas decisións das altas instancias políticas, e aínda que agochado na aparencia no interese da industria militar que fai negocio diso, é a creación dun estado de cultivo na opinión pública que xustifique unha guerra ás mesmas portas dun continente, o europeo, o máis violento en cousa de mortes en conflitos bélicos no último século, sen reparar nos anteriores que xa manda nabo, creando unha dinámica que non augura bo presaxio de continuar a escalada de entrega de armamento que se impulsa hoxe en día. Recordemos que todos os conflitos anteriores comezaron aparentemente sen unha razón forte, era opinión común que durarían pouco tempo e, ao comezo, a maioría da poboación acomodada seguiu facendo a súa vida normal, indo de compras ou a espectáculos, vendo a prensa, gozando das vacacións e de amenas conversas en terrazas sobre política e murmuracións. Sempre que xurdía un conflito violento localizado, a convicción dominante era que se resolvería localmente. Non foi así. 
 

Agora, acumúlanse sinais de que un perigo maior pode estar no horizonte. E nisto nada axuda a estratexia dominante no discurso político e nos estado de opinión orientada que se desenvolve nos medios de prensa, con lemas e palabras extremadamente agresivas, inimigas da complexidade e da argumentación serea, promovendo odio e rexeite radicalizado sen perturbarse pola dobre rapadoira coa que tratan situacións, aquí e acolá, nin apelar a valores que desmenten coas súas propias prácticas. Estratexia coa que se inculca a idea dun inimigo a destruír. Nunca a concordia. Coma noutrora, a apoloxía do fascismo faise en nome da democracia e a da guerra na da paz. 
 

Nunha hipotética situación da derrota militar da actual forza invasora é fácil predicir que, se a potencia perdedora ten armas nucleares, non deixará de usalas. Será o holocausto nuclear. Certos sectores norteamericanos xa inclúen esta eventualidade no seus cálculos, convencidos na súa cegueira que todo sucederá a miles de quilómetros das súas fronteiras. Porén o futuro está por ver.

No nome da paz

Te puede interesar