Niso quedamos!

Todo está a cambiar permanentemente e Galicia cambiará tamén. As silveiras que medran no rural, que agochan as casas que foron de labregos, dos pais ou dos avós, seguen medrando para que ninguén saiba que era o que se producía naquela leira, cal era o prado da herba verde ou cal era o souto das castañas garridas, picotas, louras, luguesas ou amarelantes. Todo cambia con esa velocidade de vertixe, que dá medo. Incluso aquelas persoas que andan de profesionais na política, cambian dúas ou tres veces de opinión en cada día. E, tranquilamente, seguirán cambiando.


A tecnoloxía é unha magnífica escusa, un pretexto para poder cambialo todo, para converter á sociedade en rabañada e pastoreala polos lindeiros da nada.


Efectivamente, as novas tecnoloxías transforman a vida, o traballo, as relacións sociais, as formas de convivencia e a maneira de pensar das persoas. Aqueles que andan no manexo destas ferramentas saben, igual que sabe vostede, lector ou lectora deste xornal, que o rumbo da historia está definido por elas.


As tecnoloxías foron e son ferramentas de poder para que os poderosos puideran e poidan agrandar as súas capacidades de decisión e de dominio. Dio moi ben María, unha profesora universitaria da area de humanidades, de talante e talento, cando se refire á Intelixencia Artificial como un instrumento para converter aos individuos en anódinos, ás ordes dunha minoría pensante que manexe, dirixa e goberne os destinos da sociedade integrada por adormentados mediocres incapaces de pensar.


Aos avances non hai que paralos. Ao contrario, deben propiciarse e acariñalos para que a sociedade mellore e as persoas poidan aproveitalos para o seu enriquecemento cultural, para coidar da súa saúde e para gozar de máis, ou de toda a liberdade, para ter unha sociedade garante do respecto á igualdade e á solidariedade. Unha sociedade orgullosa dos descubrimentos anteriores, das leccións aprendidas e disposta a seguir conxuntamente na defensa dos sistemas que reforcen a educación, como ferramenta para acadar un mundo cada vez mellor, con homes e con pobos libres e solidarios.


A Tía Manuela insiste no concepto de liberdade e para acadala, di que hai que poñer as tecnoloxías ao servizo da mesma, ao servizo de todos, con equidade, sen diferencias e sen exclusión. Así que, niso quedamos!

Niso quedamos!

Te puede interesar