Juan Galdo, na galería Xerión

A galería Xerión ofrece unha mostra de óleos, acrílicos e acuarelas de Juan Galdo (Ferrol,1940), pintor de exultante paleta que se manifesta, sobre todo, nun gozoso e idílico sentimento da paisaxe que ama e tamén na temática de músicos que entoan con él unha leda polifonía cromática, un canto que se expresa na ardente e ben armonizada cor. Todo na súa obra respira esa alegría iridiscente, esa fogosa luz que encandilou a Matisse e que levaría á creación do movimento fauve, co ten sen dúbida certas coincidencias, como son a pincelada directa e vigorosa e a construcción do espazo por medio de contrastadas tonalidades e de harmonías das cores complementarias, con preferencia dos matices vermello-verde, e laranxa-azul, sin que falten os toques de marelo e-violeta. Devólvenos, así, ás paisaxes dos arredores de Ferrol: Valdoviño, Pontedeume, Cabanas, Fene, Moeche... transfigurados en xubilosa explosión de vida e de luz. Ben lonxe da nosa rosaliana saudade, estes bosques, praias, piñeirais, recunchos urbanos...recollen a encendida luminosidade dos días de sol e cantan ese outro lado do noso ser: o sentimento dionisíaco, a forza pánica que latexa na nosa exuberante e fecunda natureza. Si quizais os anos de París, a onde marcha en 1963, estudando pintura e modelado co mestre Jean Venitien durante catro anos, puideron achegalo ás pasións cromáticas do fauvismo, o certo é que o sentimento da cor,-como mui atinadamente sinalou Murguía- vai enraizado no pintor galego e na nosa cultura popular. O gris non é a cor do pobo, o gris é a cor da cultura, como dixo Pancho Cossío. E o artista contemporáneo quere achegarse a arte que ule a terra (según Wölfflin),ou, o que é o mesmo,, recuperar a espontaneidade, a alegría vital. Galdo leva nas entranas ese pulo máxico, esa paixón que se manifesta nas rexoubas dos seus choqueiros e máscaras de antroido, como no fermoso cadro que titula “Desfilando en Carnaval”, toda unha orxía de planos laranxa e vermellos, con puntuales toques de azul e verde, que condensa todo ese alporizado sentir. Fermosísimos, tamén, os cadros “No pinar de Cabañas” e “Parque de Pontedeume”; no primeiro, a dourada luz esborrexe polos troncos, crea camiños no chan e fai máis acolledoras as exuberantes copas das árbores. O segundo é toda unha lección de boa pintura pola equilibrada composición, co tronco azul escuro dunha frondosa árbore, como eixe dun recuncho tranquilo e próximo, que deixa adiviñar unha esquina da ría; arredor dese eixe, que se expande en xenerosa copa, vibran ardentes manchas de luz alaranxada e bermella e serpean sombras azuis. Todo en Galdo é emocionada música da cor que agroma, sen dúbida, desa vivencia entrañada i entrañable que transforma o territorio de nacencia en íntimo Edén, en paraíso de lembranzas; os espazos respirados e amados transfigúranse, así, en sinfonías acordadas, en festa visual construida á maneira dun maravilloso mosaico de ben articuladas pezas de empavesada luminosidade.

Juan Galdo, na galería Xerión

Te puede interesar