“Ingrávidos”, de Álvaro de la Vega

Agalería Moretart ofrece a mostra “INGRÁVIDOS” de Álvaro de la Vega (Paradela, Lugo,1954), un escultor cunha apaixoada dedicación de máis de cuarenta anos a transformar a madeira en réplicas de seres humanos. Busca, así, dar forma a unha particular épica da vida que non é a dos herois excecpcionais, senon a da xente do común, a que ten que se enfrontar cos conflictos e cos avatares do día a día. Eses son os nacidos da mítica árbore da vida, os fillos de Adan, os que teñen que sufrir nas propias carnes as feridas dun pathos antiodiseico. Por eso, para facerlles un retrato achegado á verdade interior, ten que ir alén de calqueira canon de beleza convencional, xa sexa clásica ou anticlásica, ou de calqueira anatomia ortodoxa, pois o que quere reflectir é a súa lide coas carencias e defectos da herencia antropolóxica e da súa situación. Eles son os protagonistas da loita titánica por existir, os uliseicos antiherois de Joyce que terán que se adaptar e tratar de superar as circunstancias dos seus adverbios de lugar e de modo, como titulou en anteriores mostras. Agora, quíxoos conducir un punto máis alá e situounos en loita co espazo, en equilibrio difícil, en rebeldía quizais; por eso lles puxo o título de “Ingrávidos”, porque se sosteñen escorzados no ar, cun fráxil punto de apoio na punta do pé sobre o chan ou contra unha parede, apuntalados con paus, agarrados a unhas ramas retortas ou pendentes dun delgado aramio de aceiro. Algúns van espidos ou mostran o torso e teñen fendas e marcas que mostran ao vivo a súa condición carnal, a súa fraxilidade antropolóxica; hainos que visten humides roupas de traballador; outros adubíanse con traxe de burgués, camisa e cravata e loitan por agatuñar sobre as ramas das órbores ou van empoleirados sobre elas. Álvaro de la Vega tense feito dono dunha linguaxe propia, de raíz expresionista, talla con paixón, desbasta con forza os troncos de castaño ou de eucalipto, deixando ao vivo as marcas e cicatrices da ferramenta, para testimoniar de que a existencia humán é enfrontamento problemático e loita sen paraxe contra as propias limitacións. Carnes doridas e afumadas a veces, rostros con xestos de dor, de asombro, de berro; tensións de brazos e pernas que buscan desesperadamente un punto de apoio no baleiro, parellas como en percura de solidariedade; no medio, quizais, dunha ceremonia de soedade e de silenzo, falan desde estas tallas nas que o autor deixa escoar o berro contido da especie, en rebeldía contra á súa propia condición. A de la Vega enfróntanos coa propia anguria, coa propia desnudez, escrebe co seu machado ou coa súa gubia a nosa laocontiana loita contra as adversidades e contra os propios límites e, para dar fe desta patética aventura, ten, necesariamente, que acudir a unha linguaxe de expresividade viva e distorsionada, no exenta, a veces, de certa ironía galaica; de ahí que as súas tallas, alleas a manierismos academicistas, canten a eterna cantiga que celebra o maridaxe da materia e do tempo: os singulares froitos da árbore da vida.

“Ingrávidos”, de Álvaro de la Vega

Te puede interesar