Esperta e atenta

Para estudar fórmulas que eviten un mal durmir e para que ninguén che quite o sono, a Sociedade Española do Sono (SES) programa accións de estudo e repaso do coñecido polos especialistas, sobre os danos sociais, na saúde e na economía, de durmir mal. Xa se sabe de sempre que “quen dorme mal, mal anda”. E as sociedades durmidas tamén andan mal e, xa que logo, mal acaban. Cómpre un pronto espertar rotundo e duradeiro, con tódalas súas connotacións, aprendendo do pasado e da experiencia, seguindo os estudos da historia. 
 

Son millóns de persoas as que non poden durmir e outras tantas non teñen un durmir saudábel e precisan axuda para pasar a noite. Moitas delas tampouco dormen de día. O mal durmir repercute negativamente na saúde e na economía, disfuncións nos sentidos e nos sentimentos, depresións, aflicións e dores de cabeza. Dores na alma e no corpo, nos brazos, nas pernas e, incluso, dolores no corazón e nas miradas, que, aínda con moito coidado, reducen o seu ámbito de acción e doen.
 

Os trastornos do sono, para quen os padece son un mal maior, para os traballadores moito peor e, para a sociedade, son como a peste, cunha repercusión grandiosa no gasto público. As persoas con este problema teñen sono diúrno, teñen fatiga permanente e baixan considerablemente o seu rendemento no traballo, por folgado que sexa.
 

Os especialistas coinciden en que o durmir mal é un mal negocio, pero -igual que na feira- cando un perde outro gaña. As persoas que sofren o trastorno son as que sempre perden, moitas veces sen saber que teñen e moi poucas con posibilidades de recuperación total. 
 

Os ronquidos van unidos á apnea do sono, a esa interrupción da respiración que se produce inmediatamente despois de agarralo; a narcolepsia, ese desexo incontrolable de durmir, ou aquel que afecta no horario, cantidade e calidade do sono, son como o desvelo ou os pesadelos, aos que hai que darlles tempo para curárense.
 

Estes son síntomas que indican con claridade total que hai algo que vai mal, pero hai outros, entre eles, o síndrome de pernas inquietas, que obriga a quen o padece a estar coas súas pernas en movemento permanente, ás ordes do cerebro, que é quen ordena o que o corpo fai. A Tía Manuela quere que todos durman ben e que a sociedade estea esperta, saudábel e sempre atenta.
 

Os expertos din que para ter un bo descanso, os adultos deben durmir entre sete e oito horas diarias e, a poder ser, no mesmo horario. Unha terceira parte da vida debemos pasala durmindo e nas outras dúas partes, que facemos? Xa se verá!

Esperta e atenta

Te puede interesar