Sexa en Galiza ou no resto do planeta, aínda máis acentuado, unha nova pantasma percorre o mundo: é o efecto elefante. Non se trata dunha praga de proboscídeos fuxidos do zoo, senón de algo moito máis noso: esa teima tan humana de converter un ratiño de laboratorio —un rumor, un chío incendiario, unha foto sacada de sitio— nunha desbandada de mamuts que arrasa con todo.
Para entendelo, cómpre observar a propia natureza do citado animal. Un elefante, din, ten mala vista pero un oído finísimo. Exactamente igual ca nós no universo enredado na internet: somos case incapaces de ver o contexto completo dunha nova, pero abonda un simple titular en maiúsculas ou unha peza sonora sen verificar para poñernos en alerta e saír correndo en dirección á parvada máis próxima. Así comeza a avalancha dixital. Miles de perfís, movidos por un ser agochado, esmagan a lóxica, a dúbida e o sentido común, compartindo sen pensar. E malo é quen se enfronte diante!
Outra característica fascinante, do animal, é a famosa “memoria de elefante”. A rede, coma o paquidermo, non esquece. Garda cada ofensa, cada erro, cada mentira, por moito que se demostrase falsa. Un bulo de hai dez anos pode ser resucitado hoxe cunha nova capa de pintura para volver galopar pola pradaría das redes sociais. A xente ten memoria de elefante para o agravio, pero de peixe para a verdade. Recordamos perfectamente quen nos insultou, pero esquecemos por completo a ligazón que desmentía o motivo do noso enfado. É o fondo da natureza humana primaria.
E como non falar da metáfora do “elefante na habitación”? É dicir, desa mentira descomunal que todo o mundo ve, da que todos falan en voz baixa, pero que ninguén se atreve a sinalar por medo a que a manda o esmague. É máis doado unirse ao trote, seguir a corrente e finxir que o emperador non só vai vestido, senón que leva un traxe de alta costura e que, por riba, quédalle que nin pintado.
Quen pode domar esta besta? Deixar toda a responsabilidade en mans do individuo que leva o móbil na man é como pedirlle a un espectador que amanse o león no medio da pista. A doma, para ser efectiva, precisa que os donos do circo tamén se impliquen. As institucións teñen o deber de crear un estado de opinión onde o pensamento crítico sexa a norma, e non un deporte de risco. A súa tarefa é facilitar a divulgación de antídotos contra das falsidades e promover unha formación que nos adestre para identificar o cartel da mentira a quilómetros de distancia. A tempo de frear.
Quizais a solución sexa aprender a ser un pouco máis como o elefante vello e sabio da manda: ese que mira, escoita, procesa con calma e só se move cando está seguro do que ten diante. Máis que nada, para non acabar todos atrapados nunha poza de lama por culpa dun simple ruxerruxe.