Dun Nadal diferente

|

Tiñamos deseñado un Nadal diferente, convencidos de que este sería unha especie de ano cero, dende o que todo volvería a arrancar sen estridencias. Non contabamos coa omicron, esa variante con nome de malo de película, empeñada en adquirir a súa dose de notoriedade e protagonismo. E así postos, as cousas que poderían augarnos a festa, acabaron por facerse presentes e posibles. Como consecuencia, a demanda de antíxenos aumenta e as reunións de Nadal minguan, do mesmo xeito ca lúa nas súas fases, e retornamos ás felicitacións virtuais ou telemáticas. Suspendemos ceas e viaxes de retornos e reencontros, e reunións de celebración e brindis repetidos. Sorprendeunos, tristemente, a dor do pasamento de persoas familiares e queridas, ás que facemos homenaxe e emocionada despedida. A morte nunca foi oportuna nin prudente. Mudaron plans, actividades, reservas e caen eses castelos no ar que facemos sempre que asoman períodos de lecer e vacacións. Hai quen non considera premio gordo esa Reforma Laboral aprobada por Patronal, Sindicatos e Goberno; e simples pedreas o feito de que as vacinas funcionan e as hospitalizacións en UCI sexan moito menores. Aínda así, independentemente do número de reunidos en torno ás ceas e comidas do Nadal, celebremos a vida, a emoción de compartir cos nosos todo aquelo que merece ser compartido, as boas novas e incluso o ánimo e o apoio naquelas cousas, que non saíron como deberan ter saído. Dalgunha maneira, todos os Nadais son diferentes, cumprimos anos e nunca permanecemos na mesma situación e destino. É certo que nunca teremos Nadais como os da nosa infancia, pero todo o que é querido, o que foi sentido, e o que ten a grandeza do que importa, vivirá para sempre en nós.


Ás veces quedamos sos cos restos de nós mesmos –dixo El– reconstruíndo a memoria e a ferida. Ás veces, os soños teñen máis de real que a vida...

Dun Nadal diferente