Do dito ao feito

O recurso político anunciando propósitos e compromisos de actuación, máis no ámbito do benestar social, é unha práctica loable que reflicte a sensibilidade dos responsábeis dun goberno de cara aos seus cidadáns. Ao presentar estas promesas formais, os xestores da representatividade popular establecen un marco ético e orientan o seu labor cara á mellora da calidade de vida da sociedade. Léase coa retranca pertinente porque, fóra da propaganda ao uso, a verdadeira dimensión desta práctica apenas vai máis aló do anuncio inicial. Por iso, é fundamental avaliar se estas promesas son incorporadas de maneira efectiva na maquinaria administrativa que, a miúdo, mostra resistencia cando non atrancos ao cumprimento efectivo dos compromisos proclamados aos catro ventos. Unha situación de crúa realidade que atopa metáfora na constatación dun rico refraneiro de tradición popular: Unha cousa é predicar e outra dar trigo, obras son amores e non boas razóns, non é ouro todo o que reluce; e, tamén, do dito ao feito hai moito treito. Vese que a cousa ten historia detrás.  


Velaí, coa experiencia da Covid-19, aprobouse o Plan de Choque en Dependencia que sentaba as bases para a recuperación do sistema de coidados de longa duración;  centrándose nun cuantioso financiamento, a mellora das prestacións e axuda, o emprego, a xestión e acreditación dos centros residenciais. A máis, o pasado ano aprobouse o Acordo do Consello Territorial de Servizos Sociais e do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia, sobre criterios comúns de acreditación e calidade dos centros e servizos do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia. Un relatorio de melloras na estrutura, profesionalización e outros aspectos da prestación. A estas medidas engádese a modificación das prestacións da chamada Lei de Dependencia. Todo iso fica no papel, a realidade continúa a sumar tempos de tramitación, recoñecemento e prestación que, dado o carácter da grave situación persoal para ao que se solicitan, son inconcibibles nunha política de benestar digna de tal nome. É tempo de reformar con ambición a devandita Lei de Dependencia para que despregue a orientación preventiva, supere a actual visión asistencial e desdeñe o estancamento nun sistema illado, de apoios puntuais a modo de remendos. Se ao tratar da dependencia esta é a situación, non é mellor a relacionada coa xestión do Ingreso Mínimo Vital. Ambas, polo número de afectados, tarefa para o novo período político. Alén e aquén do Padornelo.

Do dito ao feito

Te puede interesar