O día da escampada

Esperanza é o que nos queda, ese sentimento de que nas vindeiras eleccións a opción que nos gusta e queremos será a gañadora é como  un alicerce para seguir traballando e crendo na transformación da realidade cotiá. Desa realidade social, socioeconómica e cultural que moitos queren (queremos) transformar e mellorar, sen perder a esperanza de seguir avanzando ata que xa non se poida máis.
 

Chegaron os resultados dunhas eleccións que foron ben e/ou mal, segundo os observadores, pero en tódolos casos abriron portas á esperanza e aí estamos agardando os resultados das próximas, das que xa veñen polo camiño coñecido ou pola senda da incerteza. 
 

Que se aproxime o tempo, que se oferten programas e o pobo xa dirá quen gaña. Dirao con certeza e dirá ben. O falar do pobo, nisto da linguaxe electoral, sempre é un falar correcto, sinxelamente, correcto e ilustrativo.
 

A linguaxe da política non. Esta linguaxe -segundo  George Orwell- está deseñada para que as mentiras parezan verdades, o asasinato unha acción respectable e  para darlle ao vento aparencia de solidez”. Que cousa!
 

Ao repasar os partidos e agrupacións que presentaron candidaturas nas elección de finais de maio, vese como están confiando e, con toda a  esperanza,  agardan polas próximas, nas que xa nada será igual. Probablemente, non será igual, nin parecido. Os partidos e os candidatos deseñan as campañas e as estratexias, miran para arriba e tornan a súa mirada intentando ver de cerca a realidade mesma dos aconteceres. 
 

Uns queren gañar e gañarán, outros queren gañar e algo tamén gañarán, pero a maioría votará e solo votará. O pobo vai votar e vota conforme ás súas ideas, conforme aos seus intereses e de acordo (ou non) coas pregarias dos caciques, deses que aínda viven apegados á falsidade e que queren defendela, se é preciso, con falacias. Deses que falan sen parar, sen escoitar e sen acabar nunca.
 

As primeiras refregas son internas, na casa e no seo da familia política. Son duras e dolorosas como o cancro de ósos, como os desprezos ou como ese flato que retorce a barriga. E detrás dunha refrega, os candidatos adestrados emprenden outra, e despois outra, ata o triunfo ou a derrota final.  
 

Eses políticos profesionais en loita non perden a ocasión e andan, co micrófono na man, polos camiños e polos carreiros, polas estradas e campo a través, gabando as súas propias accións, moitas delas con moi pouco que loar.  Pero, como aconsella a Tía Manuela, o pobo, aínda que sexa a modo de soños, ten que manter a esperanza ata que chegue ese día da escampada.

O día da escampada

Te puede interesar