Das diversas magnitudes

Da a sensación de que a moitos dirixentes políticos, de actualidade nestes días, ou ben non foron a clase o día que explicaron as medidas e as magnitudes, ou non tiraron proveito algún desa aprendizaxe. E para iso serven as Matemáticas, para saber calcular a cantidade de apoios, en porcentaxe con respecto do total, que podes ter en relación a outro posible contrincante. Ou a Física, para determinar a cantidade de potencia a empregar para poder culminar con ben calquera traballo. Incluso no manexo adecuado dos tempos e das frecuencias. Descoñecer os cálculos elementais das operacións plantexadas, implica cometer erros que conducen a resultados moi diferentes dos buscados (exemplo Casado). Uns dirixentes inician guerras inesperadas e sorprendentes, que acaban por estouparlles nas mans. E outros, levan anos exercitando variantes de guerras de guerrillas que medraron ata desembocar nunha invasión criminal. Hai moitos tipos de guerras. Pero todas teñen en común a morte e a dor gratuítas; a vulnerabilidade absoluta da sociedade e a loucura dun visionario que pretende quedar na historia. Sempre teñen os mesmos desacertos, empezan polo cálculo insuficiente da forza dos demais; seguen co emprego dunha estratexia xestada na efervescencia rabiosa da soberbia, e rematan co picante extremo da cegueira eterna dunha vinganza tan trasnoitada, coma inútil. Unanimemente, a comunidade internacional fai un rexeitamento radical desta invasión e pide o cese das hostilidades. Putin faixe de Cobas e asubía. Mentres, na guerra do PP, os ata o de agora amigos, eses de lealdade inquebrantable que aplaudiron a rabiar no Congreso esixen, un día despois, ceses e dimisións de Casado sen demora e con urxencia. Putin xoga aos dados co destino dos ucraínos, e o mundo aguanta a respiración para poder cortar unha crise que, non por anunciada, é menos sorprendente e repulsiva.


Acaso unha fiestra aberta nos contemple – dixo El- unha emoción núa abarloada nun tempo de arrepentidas xeografías...

Das diversas magnitudes

Te puede interesar