Cuestión de fe

O cura da miña parroquia morreu hai moitos anos, moitos máis dos que parece, di Florinda do Cereixo. Morreu, foise e ninguén sabe se volverá. Ninguén sabe nada. Era corpulento e graúdo home de ben. Ría e cantaba e, se era o caso, bailaba e pretendía coa máis elegante da ruada. Falaba en latín, confesaba aos fregueses e cantaba os responsos ao son da gaita de fol, cun fol de coiro de cabra vella ou de cabrita nova. Na parroquia vive a memoria súa e a maioría dos poucos veciños que quedan lembran a don Basilio, como o cura verdadeiro, como un home eficiente e cumpridor.


Daquela, os seminarios eran como casas de saber e para transmitir saberes, para espallar coñecemento e formar a aqueles mozos aldeáns que querían andar polo mundo con soltura, con liberdade e con sotana, con aquela vestimenta de cor negra que lles cubría o corpo de arriba a abaixo, pero que nunca era quen de tapar a alma. No seminario estudaban aqueles mozos valentes e, cando saían, abrían campos e exploraban mundos. Sabían moito máis do que os cregos coidadores pensaban e, incluso, máis do que eles mesmos sospeitaban.


Eran fabricantes de teorías, de teoloxías, de compañías industriais e investigadores, científicos e profesionais. Eran eles capaces de desfacer o ritmo da sociedade e adaptalo ao que lle convén e lle interesa ao pobo, a ese pobo ao que pertencían. Pero agora non hai curas, nin hai onde formarse para selo. Acabouse, como todo se acaba. Os curas xa son homes normais e sen máis. Moitos deles, lectores deste xornal e amigos da Tía Manuela, que anda polos despachos da curia como se fose amiga de todos eles.


A prensa publicaba recentemente un dato aportado pola Memoria Económica e de Actividades da Igrexa en Galicia: Mil douscentos cregos en activo atenden a 3.644 parroquias. Ao parecer, en 2022 celebráronse máis de oito mil setecentos bautizos, cerca de cinco mil confirmacións e algo máis de dez mil primeiras comuñóns. A uns parécenlles poucas e outros pensan que abondan.


Na súa boa época, os curas paraban a xantar despois do enterro, ceaban antes do enterro e andaban na corrobra. Agora non, non son capaces de atender unha parte do que beben atender. Ao parecer, tamén rezan menos, pero fano coa mesma confianza e as mesmas crenzas. Os cregos e os cidadáns saben (ou deben saber) que cando a confianza é plena, a comunicación (aínda que sexa con Deus) é instantánea, sinxela e faise sen precisar esforzos especiais. Así é, cadaquén que rece o que saiba!


Os curas non dan feito. Moitos deles van suados na bicicleta eléctrica, co esparadrapo, coas luvas e o casco. Para chegar a tempo, os máis vocacionais, os que queren atendelo todo, apuntaranse ás redes sociais e, a través de internet, administrarán a extrema unción. É cuestión de fe.

Cuestión de fe

Te puede interesar