Crebemos o xugo

Crebemos o xugo do pasado, pobo de servos, ergue xa, que o mundo vai ser transformado e unha nova orde nova vai reinar” porque “non hai salvadores supremos, nin rei, nin tribuno, nin deus, temos que salvarnos nós mesmos, o pobo traballador”. Velaquí, na súa  adaptación á lingua galega, a mensaxe de compromiso e mobilización que na letra deste himno, A Internacional, convoca cada Primeiro de Maio, Día das e dos Traballadores, á reivindicación de xustiza laboral e igualdade.
 

Lembranza, con manifestacións polas rúas e prazas de toda a orbe planetaria, que o movemento obreiro mundial fai exixindo dereitos e procurando novas conquistas de benestar social, traballo e salarios dignos; mais tamén no recordo das primeiras vítimas, pioneiros do sindicalismo combativo, con énfase na honra aos cinco traballadores condenados a morte e logo executados no proceso de rebelión da Praza Haymarket, os mártires de Chicago, orixe desta conmemoración. 
 

Memoria, tamén no caso do sindicalismo galego para os nosos propios mártires, vítimas da represión de 1972, en Ferrol e Vigo, persoas ás que honramos especialmente na súa particular data conmemorativa, o 10 de marzo, porén que dotan á causa do universo laboral específico de Galiza dunha especial debilidade, posta en evidencia de xeito dramático nos efectos da precariedade no emprego e salarios, no aumento da contratación efémera, agravados nos colectivos máis débiles: Mozas e mozos con traballos que non fan xustiza á súa necesidade, a meirande parte deles no sector servizos, e aínda máis no emprego feminino. Efecto amplificado pola falta dunha política galega acaída ás necesidade do país.
 

Non é día de festa. Non. Nada hai que celebrar, todo o contrario. Aquí, e acolá fóra, é data de loito. De trocar as bandeiras vermellas que identifican mundialmente ao movemento obreiro por crespóns negros cos que chorar polas vítimas dos accidentes laborais, pola perda irreparable do estado de benestar social, a eliminación continuada de dereitos adquiridos, o empobrecemento das condicións de traballo e salariais; e, máis que todo, pola dramática situación económica e social debida á carestía da vida na que xa viviamos antes, agravada pola inflación galopante, sen que os gobernos de quenda, en Santiago e Madrid, poñan remedio con acción políticas eficientes á hora de atallar o impacto que os altos prezos dos bens e servizos básicos están a ter sobre a clase traballadora. 
 

Iso si, “para que nos devolva o roubado, para derrubar esta prisión, batamos no lume...” Teimosos.

Crebemos o xugo

Te puede interesar