Xustiza é o que precisamos

Os que somos do rural apreciamos o monte e o mar, os vales, os ríos, as beiras e as ribeiras. Todo o que din do mar e monte é do noso agrado. A terra e os homes fundímonos nunha mestura imprecisa, de po, de amor, de esperanza e xustiza, coa seguranza de que xuntos imos cara a algún ceo que nos agarda ou directamente ao barranco.  Alá imos todos detrás das chamas que nos queiman, que arrasan os nosos montes, a vida e a alegría da nosa xente. Alá imos, coa forza da vontade espida, pedindo sosego ou rogando xustiza.


Ninguén sabe nada. Os que teñen a responsabilidade de gobernar non saben nada, pensan que os seus adversarios son os culpables, entenden que a desgraza é culpa da guerra, da pandemia ou de nós, da cidadanía que cala e paga.  Din que dos males económicos, sociais e de reputación son culpables os outros. E quen serán os outros?.


A veciña do piso de arriba sábeo ben, os responsables desta son eles, os que calan e mandan, os que cobran e calan, os que atenden ao seu dende a casa, dende o traballo, dende a academia ou dende a mesma administración de xustiza. Xustiza é o que precisamos, di a Tía Manuela. Xustiza para recuperar os montes e os bens perdidos cos incendios, para recuperar a dignidade como pobo, como veciños e como almas maltratadas.


Pero volvamos ao caso, quen son os responsables de tanta desfeita? Quen manda aquí? Non se sabe. Nós, os cidadáns non sabemos nada. Din que o lume poido saír do peto do pantalón dun tolo, dun veciño tolo, dun tolo que pasaba por alí, dun tolo coma nós, que aprecia e que lle quere á terra onde naceu e á xente coa que se criou, ou dun tolo, como calquera outro, que vai polo monte cantando ou falando.


Ardeu a nosa terra, as árbores, as rochas de pedra marmórea ou de lousas tan grandes como se fosen feitas para as bardas do teito, para as chantas do cerramento, para o piso da aira ou para a lápida da sepultura de don Xenaro. Ardeu tanto que non queda para a segunda volta. Onde estarán agochados os que saben cales son as razóns, eses que gozan coa desfeita e coa ruína. Onde estarán? E nós, que faremos? O de sempre, amigos. Esperaremos a que escampe e despois seguiremos sufrindo a desconsideración dos que falan e falan e só falan, sen dicir nada. Todo se resumirá en “nada de nada”.

 

Xustiza é o que precisamos

Te puede interesar