Atender á xente

Se hai combustible e osíxeno, unha chispa, por pequena que sexa, acende o lume, abre a porta ao inferno, como o que poido abrasar e quedarse con eses homes do mar, que navegaban e pescaban tranquilamente, no medio da incerteza, no caladoiro do Gran Sol, a onde van cos seus aparellos os mariñeiros galegos, sabedores e coñecedores da dureza, da coraxe e bravura do mar cando se repón. Case sempre!
 

O patrón do Nuevo San Juan de Burela e os seus homes mariñeiros viron como saía lume do pañol, como se incendiaba o barco todo el e como ardía a auga salgada daquel medio do mar. Todos eles, con enorme denodo vestiron os traxes especias salvavidas, botáronse ás balsas, pediron rescate e salváronse. Recolleunos outro buque galego que faenaba na zona, o vigués Nuevo Confurco, e trasladounos ao porto irlandés de Castletownbere.  
 

Os galegos sabemos ben da dureza e da tristura dos incendios. Arrasaron os montes, os bosques, as restrebas; queimáronlle os folgos á xente labrega, fixeron cinza da terra e marcaron con pegadas indelebles o paso da riqueza á miseria e da beleza verde e florida ao gran montón de leña queimada, que aínda fumega. Probablemente sexan os incendios un dos máis grandes desastres naturais cos que se atopa a humanidade. 
 

O lume é devastador para o medio ambiente e para a vida. Os expertos e a estatística din que cando se produce nun barco, na maioría das ocasión, lévao integramente consigo. Onde máis barcos arden é nos portos. Se prende nun, o incendio pode propagase ata queimar a todos os do mesmo peirao.  Aí está, o lume, a pesar da súa amorosidade e harmonía, ten poder destrutivo, para destruílo todo. Por pequeno que sexa, queima moito, igual que o incendio da palleira, da corte das vacas, da libraría ou da chaqueta pousada nunha cadeira da cociña. E, como facían os homes avezados, que araban no mar e na terra, o lume hai que apagalo antes de que acenda.
 

Os tripulantes do palangreiro queimado xa están en terra firma e serán a única fonte con capacidade para aportar datos sobre a orixe do incendio. Que pasaría? A Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos, do Ministerio de Transportes, Mobilidade y Axenda Urbana, ao seu paso lento, encargarase de elaborar o informe e, mentres tanto, o armador, o patrón e os mariñeiros, coas feridas na alma, situaranse, un detrás doutro, na cola do  paro ou na listaxe de contratados fixos descontinuos.
 

A Tía Manuela, en nome de vostedes, amigas e amigos lectores, felicita a eses mariñeiros vivos e dálles azos para seguir con forza na loita diaria pola vida, que -como a de todos os traballadores- é unha loita constate que precisa e agradece a cooperación e a comprensión. Tamén, ou de modo especial, das autoridades, que deben mirar directamente, escoitar as reivindicacións, deixarse de anuncios e atender á xente.

Atender á xente

Te puede interesar