As predicións meteorolóxicas

Do tempo sabemos pouco ou moito. Quen o diría? Aló, a principios dos anos oitenta, nunhas protestas contra da suposta manipulación de Televisión Española, os manifestantes coreaban, polas rúas céntricas de Bilbao, consignas reivindicando unha televisión propia, unha televisión vasca que respondera informando daqueles temas de interese da colectividade, “porque TVE mente”, dicían. “Mente ata Mariano Medina”, engadían. Os que escoitaban dende a beirarrúa ou dende os balcóns engalanados coa bandeira de Euskadi non daban creto a aquelas opinións dos traballadores españois no Centro Territorial da Televisión Española.


Foi cando Euskal Telebista estaba ultimando os preparativos para comezar as emisións, co ánimo de contribuír á normalización do uso da lingua vasca, erradicando as posibilidades de mentir sen necesidade de ruído, sen manifestacións e con homes ou mulleres do tempo fieis ás previsións e, cando menos, fieis ao acontecido.


Mariano Medina era o home do tempo, o primeiro home do tempo que apareceu na televisión, con aquelas emisións en branco e negro, dende o número 75 do madrileño Paseo de la Habana. Un magnífico profesional, divulgador da meteoroloxía, con enormes coñecementos teóricos e prácticos. O autor daquel “Meteoroloxía básica sinóptica”, un libro de referencia para científicos e para quen quixera saber algo do tempo, para os que aspiraban a saber a verdade.


A moitos dos que escoitaron e viron a Medina, vénlles á memoria, para o seu abraio, o altísimo nivel de especulación, cando o Estado (moitos anos despois, en outubro de 2015) vende por poxa a sede de RTVE a Martell Investments (uns once millóns de euros) para erguer pisos de luxo, soleados e ben orientados, pisos construídos para millonarios contentos e sabedores de que a televisión era un patrimonio deles e de todos.


Onde van os das predicións meteorolóxicas? Por que menten? Que intereses defenden e a quen apoian? Se a meteoroloxía é a ciencia que estuda o estado do tempo, o medio atmosférico, os fenómenos producidos no mesmo e as súas predicións, parece que sería pertinente fuxir das intromisións dos políticos, dos gobernantes e daqueles que andan na oposición, para que os expertos fagan o que teñen que facer. Dio moi ben a Tía Manuela, “cada un que se dedique ao seu”, sen esquecer que “nunca choveu que non escampara”.


Escampa e volve chover. Cando o fai moderadamente é riqueza, pero tamén pode ser desgraza, ruína e morte. Para ben ser, ten que chover miudiño. “pola banda de Laiño e pola banda de Lestrove”, como tanto lle gustaba á sempre lembrada Rosalía. 

As predicións meteorolóxicas

Te puede interesar