"Queremos vivir o idioma tranquila e plenamente, con ledicia e sen limitacións", foi este sábado a reflexión do presidente da Real Academia Galega (RAG), Henrique Monteagudo, que puxo como exemplo diso ás cantareiras, ás que se adica este 17 de maio, e a súa "enerxía colectiva".
No plenario extraordinario e público da institución, no centro cívico de Malpica (A Coruña), pediu observar ese referente na transmisión xeracional da lingua e apostar por unha reformulación a fondo que poña á infancia e á mocidade no centro da política lingüística.
Non en balde, a conmemoración foi unha sorte de acto de recoñecemento ao "exemplo luminoso" das creadoras e transmisoras de cantares anónimos, así como ás persoas que os investigan, recollen e levan aos escenarios.
"A nosa ilusión non se extingue", proclamou Monteagudo, a pesares de que o pasado outono se coñecese unha estatística que di que o galego perdeu a súa posición como lingua máis falada de Galicia, e tamén por riba dos discursos políticos que "non aboan" a esperanza.
"Necesitamos mensaxes de entusiasmo acompañados de compromisos tanxibles e sóbrannos retóricas ocas", puntualizou Monteagudo.
"Precisamos saír do bucle interminable das polémicas estériles alleas ao alento dunha cidadanía que aspira a ver o noso idioma convertido nunha lingua normal", proseguiu.
A académica Ana Boullón, que trazou un retrato das sete mulleres nas que a RAG personificou este 17M, que son Adolfina, Rosa, Eva, Prudencia, Asunción, Manuela e Teresa, lembrou que todas elas eran persoas fortes, que atravesaron situacións difíciles e que souberon transmitir, con todo, o rico patrimonio do que eran depositarias.
"Agora, para o futuro", apuntou a impulsora da candidatura.
O académico Antón Santamarina celebrou ese "espello da vida campesiña" e que a tradición siga, "aínda que sexa doutro xeito".
"Vivimos un rexurdimento sen precedentes que probablemente veu para quedar", dixo ao aludir aos estilos musicais actuais que beben deste legado.
O expresidente da RAG Xesús Alonso Montero defendeu na súa alocución a relevancia artística do cancioneiro da tradición oral, base e inspiración dos 'Cantares gallegos' de Rosalía de Castro, a protagonista da primeira celebración do 17 de maio, en 1963, no centenario desta obra auroral da literatura galega contemporánea.
O profesor Montero tamén quixo compartir co público, nunha confesión máis íntima, a influencia na súa propia traxectoria. "Fun alumno na Universidade Central de don Dámaso Alonso, un dos filólogos hispanos máis sabios á hora de explicar a poeticidade dos textos; pois ben, eu non descubrín a poesía na Universidade Central, fíxeno nas 'lareiras' e nas tabernas do Ribeiro de Miño, na universidade rural e cotiá dos meus anos de adolescencia".
A Real Academia Galega pechou coa interpretación do himno unha gala que pivotou sobre o pasado e o futuro dunha artesanía vocal que se abre aos novos tempos.