A música galega prepara o seu desembarco no Womex de Lisboa co apoio da Xunta

A música galega prepara o seu desembarco no Womex de Lisboa co apoio da Xunta
A cantante Sheila Patricia

A música galega terá unha destacada presenza na 28ª edición de Womex, a Worldwide Music Expo, que se celebrará en Lisboa do 19 ao 23 de outubro. 

 

Como nas entregas anteriores, a Xunta contribuirá á difusión das empresas e artistas neste multitudinario encontro internacional, neste caso a través do apoio á ducia de promotoras acreditadas e da colaboración con Sheila Patricia para o concerto que ofrecerá na capital lusa dentro do programa oficial da feira.

 

 O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, recibiu á cantautora redondelana para abordar esta participación e felicitala pola súa selección por parte do xurado internacional para actuar no Lusofónica Stage, escenario que acolleu ás Tanxugueiras na edición celebrada o ano pasado no Porto. Participaron tamén neste encontro sobre Womex Marcos Gendre, do selo Esquío; Rómulo Sanjurjo, de Jau, e Pilar Portela, coordinadora do departamento de Música e Danza da Axencia. 

 

Sheila Patricia viaxará a Lisboa con Orixe, o seu primeiro LP e tamén o seu proxecto máis ambicioso e persoal, no que aposta polas súas raíces musicais con tinguiduras de vangarda e mesmo ritmos de world music, confirmándose como unha das voces máis prometedoras do actual panorama musical galego. 

 

Ao mesmo tempo, a Consellería de Cultura está a preparar as accións coas que reforzará a presenza das promotoras galegas neste encontro itinerante, considerado o maior acontecemento internacional para a difusión da música de raíz de todo o mundo e que en 2022 regresa a Portugal por segundo ano consecutivo.

 

 Ademais, a Xunta contribúe economicamente á presenza das empresas galegas nesta e noutras feiras internacionais do sector a través das subvencións ás actividades de distribución nas industrias culturais. A convocatoria deste ano, resolta no mes de xullo, supuxo a adxudicación de 460.000 euros a 50 empresas para levar a cabo máis de 500 actuacións musicais e escénicas en 16 países e participar en 19 mercados profesionais. 

A música galega prepara o seu desembarco no Womex de Lisboa co apoio da Xunta

Te puede interesar