Medio Rural inspeccionou máis de 36.000 granxas durante o ano 2017

Medio Rural inspeccionou máis de 36.000 granxas durante o ano 2017
Gando bovino dunha explotación situada na provincia coruñesa | aec

Máis de 36.000 granxas sometéronse ás análises da Consellería do Medio Rural durante o ano 2017. En total trátase de 36.377 explotacións, na súa meirande parte do sector bovino, que recibiron a visita dos técnicos dentro das campañas de saneamento gandeiro.


Segundo os datos proporcionados polo departamento que dirixe Ángeles Vázquez, durante o pasado ano 30.561 granxas de vacas foron sometidas ás análises destinadas a manter o bo estado sanitario das explotacións e do gando galego. Unha totalidade de 825.818 reses foron inspeccionadas para garantir a calidade do produto e, de paso, a boa marcha e a saúde do sector.

En todas estas explotacións, os técnicos da Consellería levaron a cabo unha análise sobre a posible presenza de tuberculose e tamén de brucelose, unha enfermeidade da que Galicia foi declarada o ano pasado rexión libre pola Comisión Europea. Nunha boa parte destas granxas tamén se investigou para comprobar que a comunidade continúa exenta de leucose e de perineumonía bovina. Ao respecto, dende o departamento autonómico recordaron o inxente traballo que se está a facer para lograr que Galicia sexa declarada tamén libre de tuberculose bovina, un labor no que toman parte de forma moi importante os propios gandeiros ao evitaren a compra de animais foráneos procedentes de áreas afectadas sanitariamente por enfermidades que a comunidade xa erradicou ou ben que está a piques de erradicar.

Ovellas e cabras
Pola súa banda, en canto ao gando ovino e caprino, foron inspeccionadas 5.816 granxas, nas que se analizaron un total de 73.484 exemplares.
Nestes casos tamén se produciron negativos en brucelose, unha situación pola que no ano 2013 Galicia foi declarada tamén libre desta enfermidade e continúa a selo na actualidade.

Dende a Consellería do Medio Rural destacan tamén que os bos resultados que se están a acadar nos últimos tempos son os que están a permitir que se rebaixe a presión controladora por parte da institución. De feito, segundo os seus datos, o número de inspeccións pasou das 59.000 granxas en 2015 ás 38.220 de 2016 e as 36.300 do pasado ano.

No que atinxe á distribución provincial, foi Lugo a que encabezou o número de explotacións investigadas polos técnicos, con 14.288, seguida da Coruña, onde se realizaron 12.636, Pontevedra, con 6.455, e Ourense cun total de 2.998.

Medio Rural inspeccionou máis de 36.000 granxas durante o ano 2017

Te puede interesar