miércoles 21/10/20

Medio Rural impulsa a recuperación de soutos tradicionais de castiñeiros

Medio Rural está a impulsar a recuperación dos soutos tradicionais de castaña que dende sempre poboaron os montes galegos.

Souto de castiñeiros do leste da provincia de Ourense | aec
Souto de castiñeiros do leste da provincia de Ourense | aec

Medio Rural está a impulsar a recuperación dos soutos tradicionais de castaña que dende sempre poboaron os montes galegos. Para elo, entre outras cousas, está actualmente a investir 430.000 euros no concello lucense de Folgoso de Courel, no que está a traballar para facer produtivos os terreos de ata un cento de particulares que contan cuns 9.500 castiñeiros.
A través deste traballo a Consellería que dirixe Ángeles Vázquez logra un dobre obxectivo. Dunha banda, pon en valor e recupera a produción de castaña na zona e, pola outra, loita contra o abandono de terras. “Seguramente o camiño máis eficaz para combater o abandono das nosas terras agrarias consiste en recuperar o seu potencial produtivo volvéndoas cultivar”, sinalou a conselleira nunha visita á zona.
As actuacións que está a levar a cabo a Consellería do Medio Rural teñen o seu inicio na identificación tanto das propias árbores como dos propietarios destes castiñeiros. Agora, tras este comezo, estanse a mellorar as vías de acceso e o rozado das terras, co obxectivo de que en 2019 se poida executar a última etapa coa poda das árbores e a súa mellora sanitaria.
Estas accións encádranse no proxecto de mobilización de terras en grandes áreas que o departamento de Ángeles Vázquez está a desenvolver por toda Galicia e que serve para loitar contra o abandono –e de paso tentar evitar os lumes forestais– e tamén para impulsar produtos.
Neste caso, o que se resalta é o da castaña, que ten, ademais, a consideración de Indicación Xeográfica Protexida (IXP) baixo o nome de Castaña de Galicia. Con todo, a Consellería tamén está recuperando praderías para pastos nos Ancares e Sober (neste último caso, para apostar polas plantacións de cereais), en Arnoia retomou unha finca para plantar pementos baixo a denominación de orixe que leva o nome deste municipio e en Cualedro e Oímbra as terras que se están a recuperar serán para cereais, leguminosas e viñedos.

Cultivo da castaña
No caso das castañas galegas, estas pódense comercializar tanto en fresco como en conxelado. Unha vez que son recolectadas, e no momento de presentalas, segundo as normas que establece a IXP, a humidade mínima do froito debe de ser dun 50%, mentres que a máxima se sitúa no 60%. Ademais, a porcentaxe máxima de froitas tabicadas debe de ser do 12% e o mínimo de carbohidratos, do 55%. A IXP tamén establece que o máximo de froitos por quilo non debe de ser superior aos 120 no caso dos produtos frescos e de 200 no caso das conxeladas. 
No que se refire ao ámbito xeográfico, comprende na Coruña Terra de Melide e os municipios de Arzúa e Boimorto; en Lugo, todo o seu conxunto, agás O Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Foz, Barreiros e Ribadeo; toda a provincia de Ourense; e en Pontevedra, as comarcas do Deza e Terra de Montes, así como os municipios de Cotobade, A Lama, Campo Lameiro e Cuntis.

A superficie dedicada á produción de castañas incrementouse nun 52,7% dende o ano 2011

Segundo os rexistros oficiais, a data de 31 de decembro de 2017 había inscritas na IXP Castaña de Galicia un total de 1.225 hectáreas de 149 produtores, mentres que existían dez comercializadores e almacenistas en fresco e seis industrias para o seu procesado. Ademais, o volume de actividade reflicte unha produción de castaña certificada de 106.899 quilos que representa un valor económico estimado de 791.869 euros.
Son datos que mostran un sector produtivo que evidencia potencialidade económica, a cal se comproba de maneira máis evidente ao comparar coas cifras de evolución, que se remontan ata 2010.
Deste xeito, en canto á superficie inscrita, esta aumentou un 52,74% con respecto a 2011 –non se conta, neste caso o ano 2010, posto que nel a unidade de medida é de pés e non de hectáreas, como ocorre no resto das anualidades–, pasando das 802 ás 1.225 que actualimente contabilizan na IXP.
Isto ten que ver tamén coa evolución na produción de castañas, que aumentou un espectacular 1.806% neses oito anos, ao pasar dos 5.608 quilos recollidos no dato final de 2010 aos actuais máis de cen mil. 
A profesionalización do sector e a confianza na súa evolución tamén se observa no incremento do 8.178% que mostra o valor económico estimado da actividade de produción de castañas. Así, se no 2010 este tan só chegaba aos 9.600 euros, no último ano estivo a piques de acadar os 800.000. Isto impulsou tamén o número de produtores que traballan coa castaña, que aumentou un 49%, dun cento ata os 149. l
 

Comentarios