A alerta pola vaga de calor subíu a nivel 3, vermello (alto risco), en 20 municipios galegos de Lugo e Ourense, mentres que se situou en laranxa (risco medio) noutros 129 destas dúas provincias e do interior de Pontevedra.
Segundo informou a Xunta, dentro do marco de actuacións fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde, pasaron a nivel vermello zonas de montaña de Lugo, con 14 municipios, e o municipio ourensá de Valdeorras, con seis.
Así, estaban este martes en alerta por alto risco os municipios de Baleira, Baralla, Becerreá, Cervantes, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, O Incio, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Ribeira de Piquín, Samos e Triacastela, en Lugo e os do Barco de Valdeorras, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá e Vilamartín de Valdeorras, en Ourense.
Mentres, sitúanse en nivel 2, laranxa, os 27 concellos do sur de Lugo; os 21 do Miño en Ourense, doce do noroeste, 19 de montaña e 34 do sur desta provincia, e os 16 do interior de Pontevedra.
En todos eles, un total de 149, a Xunta determinou a suspensión da actividade deportiva federada no exterior ata as 21.00 horas. Durante estas horas só estiveron permitidas a actividades acuáticas, coa recomendación de que non se realice nas horas centrais do día, entre as doce do mediodía e as cinco da tarde.
Ademais, mantivéronse en nivel 1, amarelo (baixo risco) os 27 municipios do centro de Lugo.
Ante esta vaga, a Xunta reiterou as principais recomendacións para protexerse das altas temperaturas, como beber líquidos, manterse á sombra e solicitar axuda urxente chamando ao 061 no caso de sufrir esgotamento ou un golpe de calor.
A Consellería de Sanidade incidíu en sinalar os grupos de risco, como maiores de 65 anos e menores de catro, así como persoas que padecen patoloxías, e en evitar as actividades ao aire libre nas horas de máis calor.