O areal de Riazor, quinta parada do circuito nacional de Vólei Praia

O areal de Riazor, quinta parada do circuito nacional de Vólei Praia
Gonzalo Castro e Manuel Vázquez presentaron o evento xunto ao presidente da Federación Galega de Voleibol | Concello da Coruña

A nova edición de A Coruña é Vólei Praia terá lugar nas vindeiras semanas no areal de Riazor. O concelleiro da área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, e o presidente da Federación Galega de Voleibol, José Ángel Luna, presentaron onte en María Pita o evento, organizada polo Concello da Coruña e a Federación Galega.
 

A Coruña é Vólei Praia 2023 engloba tres competicións de ámbito nacional e galego. A primeira, xa xogada, correspondeu ao Circuíto Galego de Categorías Inferiores, que tivo lugar os días 8 e 9 de xullo na praia de Riazor e contou coa participación de 120 nenos e 160 nenas.
 

“Na Coruña somos unha gran potencia deportiva e cremos que todo tipo de eventos e competicións teñen cabida nas nosas instalacións municipais e, neste caso, nas nosas praias”, sinalou Gonzalo Castro.
 

Neste mes de agosto terán lugar as outras dúas competicións, comezando mañá, 11 de agosto, co II Trofeo Cidade da Coruña, proba do Circuíto Nacional de Vólei Praia Sénior.Está prevista a participación entre o venres e o domingo de 48 homes e 48 mulleres. Debido á programación do Festival Noroeste Estrella Galicia en Riazor, os dous campos nos que se desenvolverá o torneo estarán situados xunto á Coiraza do Orzán.
 

A vindeira semana terá lugar a última das competicións, o Campionato Galego Sénior, coa presenza doutro cento de participantes. Haberá catro campos de xogo, que estarán situados xunto á plataforma de Riazor. Os partidos serán o sábado 19 e o domingo 20 de agosto.
 

“O obxectivo do Goberno de Inés Rey en materia deportiva non pode ser outra que o fomento de todo tipo de actividades, e neste caso particular do vólei praia, na cidade. A Coruña é deporte, e o deporte é vida”, sinalou Gonzalo Castro.

O areal de Riazor, quinta parada do circuito nacional de Vólei Praia

Te puede interesar