As novas tecnoloxías e a intelixencia artificial (IA) avanzan a pasos axigantados. Hoxe en día xa é posible romper unha barreira que nunca na Historia puido ser traspasada: a morte. Gracias a isto (e a colaboración de máis de 50 profesionais galegos) Castelao recupera a súa forma e fala 75 anos despois do seu pasamento coa exposición ‘Castelao. Mirar por Galicia’. Trátase dunha experiencia inmersiva de arte dixital que foi inaugurada esta semana no museo Gaiás da Cidade da Cultura, de Santiago de Compostela, polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e que poderá ser visitada de balde ata o 11 de xaneiro.
Non obstante, o uso da IA coma ferramenta que “devolve á vida” a un personaxe histórico dixitalmente, esperta un certo debate moral sobre a profanación dos dereitos do falecido. O comisario e director artístico do proxecto, Carlos Seijo, (A Coruña, 1980) explica a El Ideal Gallego como se fixo un uso ético das novas tecnoloxías durante todo o proceso.
“Estamos nun momento no que se ven numerosas recreacións con IA de eminencias a través das redes sociais. Se os artistas e os creadores non ocupamos ese posto, vaino ocupar calquera outra persoa. Penso que cómpre abordar ese tema, pero cun rigor esquisito. Nós o que fixemos foi ir máis aló. Fixemos unha recreación a través dun estudio fisionómico, no que contamos cos mellores asesores, e obtivemos todos os dereitos necesarios grazas á colaboración de todas as institucións, museos e incluso algún familiar, polo que se f ixo un gran traballo de recuperación de fotografía, documentación e traballos do propio Castelao”, explica.
O proxecto nace con motivo da celebración do Ano Castelao 2025. Para poder desenvolvelo correctamente, Miguel Anxo Seixas, presidente da Fundación Castelao, recomendou a Seijo que lese ‘Diario de 1921’. O libro recolle as impresións de Castelao durante unha viaxe de estudios por Francia, Bélxica e Alemaña. e, mentres Seijo lía o capítulo de París, sentía que camiñaba ao lado do autor. “Nese intre decidín que a exposición ten que ser iso, unha viaxe ao seu carón”.
Partindo desa premisa, deseña unha especie de túnel escuro polo que o público irá descubrindo a vida do ilustre. “Para min, ese paseo pola escuridade no que imos atopando momentos de luz é unha metáfora das lembranzas dunha persoa”, comenta o comisario.
Deste modo, o percorrido empeza cun espazo expositivo no que se atopan as lentes e a pluma estilográfica orixinais que pertenceron a Castelao e que se conservan no Museo Provincial de Pontevedra.
A partir de ahí, descúbrense distintas instalacións que resumen a vida o artista dende a súa orixe ata os seus momentos máis dolorosos. “Temos diferentes xanelas a través das cales podemos ver o que vía Castelao cando era neno. Unha delas é da rúa na que se criou en Rianxo. Conseguimos a cesión dunha película en 16mm onde se ve a rúa con distintos nenos xogando e recreámola exactamente igual incluindo con IA ao Castelao meniño a partir de documentación que obtivemos”, conta o director. Outra destas ventás recrea de forma hiperrealista a llanura da Pampa arxentina onde viviu a partir dos dez anos a través de tecnoloxía 3D e intelixencia artificial.
Seguindo o camiño chégase a súa voda con Virxinia. O único que se conserva do casamento é unha pequena fotografía de tan só uns centímetros que tamén se restaurou con IA xerativa para conseguir unha alta resolución e unha pequena animación que a acompaña.
Máis adiante atópanse integradas nunha parede uns anteollos que simulan ser as gafas de Castelao. O visitante, ao introducir a cabeza, vese a si mesmo coma se fose o escritor. A través desta experiencia inmersiva vívense os momentos máis duros da vida do artista rianxeiro. “O que f ixemos foi recrear coma unha especie de pesadelo con realidade virtual que nos mostra momentos coma a súa cegueira, a morte do seu fillo de 14 anos por unha pneumonía, a guerra...”, esténdese Seijo.
Despois, preséntase a súa etapa coma mestre. Cunha proxección holográfica, Castelao aparece a tamaño real a través doutra recreación con IA. Tamén coñécense máis capítulos da súa vida coma cando participou na redacción e na campaña do Estatudo de Autonomía galego ou cando durante a Guerra Civil quedou atrapado no oco dun ascensor por culpa dun bombardeo en Barcelona.
Na seguinte sección, recóllense tres álbums de guerra que debuxou Castelao durante o exilio.
Ao final da exposición atópase o prato forte. Trátase dunha sala con forma de cubo onde por fin se verá a obra do autor. Non obstante, esta preséntase dunha forma innovadora e cun formato inmenso a través dun ‘videomapping’, é dicir, da proxección de imaxes e vídeos sincronizados nas seis caras da estancia.
Hai momentos do vídeo nos que podemos ver a Castelao nunha habitación en París escribindo o seu libro ‘Sempre en Galiza’ ou os seus cadernos de guerra animados e en gran tamaño. Estou seguro de que se ese Castelao tivera nacido hoxe seguramente tamén sería un artista audiovisual e tería esa idea de dárlle vida aos seus debuxos coa animación”.
Non obstante, iso non é todo. Durante o vídeo é a propia voz en galego de Castelao a que narrara o que alí se proxecta. “Para poder recrear a voz de Castelao partimos do único rexistro sonoro orixinal existente, de tan só dous minutos que, aínda por riba, está en castelán. Trátase dunha fonopostal que gravou dende Bos Aires con motivo da estrea da obra de teatro de ‘Os vellos non deben de namorarse’, á que lle foi imposible asistir en persoa, e que se conserva nun disco de cartón. “O que fixemos foi intentar mimetizar esa voz coa dos locutores profesionais e, unha vez gravada por eles, adestramos unha intelixencia artificial onde conseguimos o timbre perfecto da voz. Ademáis, estamos moi orgullosos de que a mensaxe está intacta, está chegando case coma saiu das verbas de Castelao. De feito, son as súas verbas, porque a voz que soa dentro do cubo é unha voz que a nivel textual está sacada ao 90% dos seus escritos, cartas, diarios...”, explica Seijo.
Outro dos aspectos destacados que recolle a exposición é que se incorporan iniciativas para achegar esta proposta cultural a todo tipo de público. Isto cumpre as medidas promovidas pola consellería por unha cultura máis inclusiva para todos.
Por un lado, os textos de sala dispoñen dunha versión en ‘lectura fácil’ que se pode recoller en formato papel do mostrador ou escanear dixitalmente a través dun código QR. Trátase dun método de redacción que busca adaptarse ás persoas que teñen dificultades de comprensión lectora como xente maior, con TEA, migrantes, estudantes, persoas con discapacidades intelectuais...
Por outro, no mostrador tamén se pode recoller un bucle magnético portátil que capta o audio da conversa e o transmite directamente aos implantes ou audífonos daquelas persoas con discapacidade auditiva. Cabe destacar que os vídeos que se proxectan contan cunha versión en lingua de signos dentro do propio espazo expositivo.
Esta proposta consigue que todo o mundo poida coñecer ao protagonista a través dunha impresionante mestura de realidade e tecnoloxía que conecta o pasado co futuro de forma inclusiva e respectuosa coa historia. “Ademáis, ao sentir que camiñamos a carón de Castelao decatámonos de aspectos que pasan máis desapercibidos coma o importante que foron as distintas contornas nas que viviu ou que tivo que ser viaxeiro tanto por gusto como pola forza”, conclúe Carlos Seijo