Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
El Ideal Gallego Fundado en 1917

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Cultura

Sirat, alegoría dun mundo que se acaba

0620_resonac_redideal_251125_tamara
0620_bonilla_redideal_251121_veronica.gif
620_dans_relojeros_redideal_251215_cristina
0620_bonilla_redideal_251121_veronica.gif
0620_pazo_santa_cruz_redideal_251121_cristina.gif
0620_puertas_delfin_redideal_251212_cristina
0620_wayalia_redideal_251121_carlos.gif
0620_arte_floral_calo_251121_carlos
0620_fundacion_vs_251121_tamara
0620_matraz_redideal_251121_carlos
0620_bonilla_redideal_251121_veronica.gif

Das películas que vin nos últimos tempos, a que máis me impresionou foi Sirat, de Oliver Laxe. O argumento decorre liñal e coherente, con imprevistos e sorpresas. Música e imaxes conforman unha linguaxe visual, sen retórica, eminentemente cinematográfica. A película non está na fondura das palabras nin na brillantez dos diálogos, está na potencia das imaxes nunha paisaxe onírica, centro do baleiro, entre a vixilia e a ensoñación. O grupo de “perdedores” vaga errático, sen destino, en permanente fuxida da sociedade e, se cadra, de si mesmos, nunha viaxe a ningures. Fuxindo da morte van cara á morte. A música e a danza funcionan como elementos “relixiosos” de confluencia e de unión. O espazo hostil acentúa o desamparo duns seres que atopan refuxio na mutua axuda.

Eivados, mutilados, cabe preguntar se as mutilacións físicas se corresponden coas mutilacións psicolóxicas dunha sociedade consumista, depredadora e insolidaria. Animais feridos transfórmanse e “transpórtanse” na música, nunha éxtase que os afaste da distopía dun mundo que corre cara á autodestrución. “Desertores no deserto”, territorio extremo, desolado e poderoso, a cohesión dos personaxes non amosa fisuras. Fatalmente abocados a un mesmo destino, apóianse entre eles. A secuencia final, coa “humanidade” no teito dun tren, amoreada en promiscuidade fraterna, evidencia a imposibilidade de liberación: o sistema é alienante, pero fóra del a supervivencia resulta imposíbel. Aceptar a dependencia material, mantendo a independencia ética podería ser unha saída.

Nunha primeira impresión, parecéronme demasiadas mortes. Co paso dos días, penso que está ben así, nun western sen pistolas pero con minas antipersoas. O filme recolle varios temas: o rave, a viaxe, a guerra, a velocidade, a morte.... Os vehículos, avanzando sen rumbo no deserto dilatado, eríxense tamén en protagonistas. O ritmo hipnótico e obsesivo da música electrónica arrastran ao fato de ‘desertores’ a lugares sen tempo, altos ceos, unha feble fogueira e unha danza convulsa, obstinada e cega. Prego, salmodia, oración á intemperie porque á intemperie están as súas vidas. Danzan para esquecer a sede, o medo, a certeza de que o mundo se esfarela debaixo dos seus pés. Sacerdotes dun rito, espectros dun aquelarre, non danzan para salvarse, senón para desaparecer con dignidade.

Deserto

O deserto é unha presenza permanente, forza telúrica e escenario dramático no que se aventura o fato de entrañables desencarreirados. Obedecendo un mandado interior, adéntranse a cada paso máis no silencio da natureza e na soidade irremediábel de si mesmos. A música rebota, violenta, nas montañas que circundan a chaira, sementada de minas. Os bailaríns entran nun transo psicodélico e a terra retumba como un tambor inmenso.

Lentamente a area cubre as roupas, os corpos, os restos... E o deserto, terríbel e fermoso na súa desolación, permanece indiferente, sen memoria, sen piedade. Sen fin. Regresan os superviventes e un sae do cinema convencido de que o filme de Oliver Laxe, persoal como todos os seus, ten as feituras dun clásico destinado a permanecer. Un referente.

0620_hitos_redideal_251121_tamara
0620_mampaplus_redideal_251121_cristina
0620_mayores_redideal_251121_tamara
0620_opticalia_redideal_251121_veronica
0620_sergio_ruiz_redideal_251212_carlos
0620_talleres_hercules_redideal_251121_veronica
0620_tinytown_redideal_251121_veronica
0620_alba_cocinas_redideal_251121_cristina
0620_bico_redideal_251125_tamara
0620_buceo_galicia_redideal_251121_cristina
0620_casa_marabina_redideal_251121_carlos
0620_danza_10_redideal_251121_tamara