A Despensa do Sa ( Taberna Cultural ) é un espazo progresista, alternativo, que conxuga a oferta de libros, moitos deles dedicados, coas abondosas bandexas de tapas e petiscos: alimento para o corpo e para o espírito. Xa di o Evanxeo: Non soamente de pan se vive, senón da palabra. Refuxio cordial de diálogo e amizade nun momento, dramático, no que o mundo se debate baixo as bombas e as súas infaustas consecuencias. Tanta dor, tanta morte, tanta destrución inútil.
Soamente desde a amizade, o altruísmo e a xenerosidade se pode entender o evento preparado por Manuel Vázquez, activista cultural e autor emerxente con dous títulos de forte pegada: a novela, O pracer da chuvia , un suceso editorial, e o poemario Maldita Eternidade , Premio Eduardo Pondal.
Manuel preparou con esmero e dilixencia a presentación, os cartaces e a promoción do acto. E, como se acostuma dicir, onde non chegou, mandou recado. Grazas a iso xuntámonos antigos alumnos do IES Lucus Augusti: Xesús Trashorras, Xosé Estévez, Xavier Barrio e este cronista. E xuntos rememoramos aqueles anos setenta nos que dabamos os primeiros e atoutiñantes pasos literarios, cabo de Beatriz Pin, Claudio Rodríguez Fer, Carmen Blanco, Fiz Vergara, Elisa Vázquez de Gey ou Antón Grande.
Máis novo cá nós, pintor e escritor, desde Castroverde chegou para darlle un abrazo ao seu veciño de Romeán , Edu Carreira. Eu coñecía e admiraba a obra de Mercedes Vázquez Saavedra, escritora, etnógrafa e fotógrafa dun tempo e duns xeitos de vida desaparecidos ou en transo de desaparecer. Coñecía a obra pero non a persoa. Agradecinlle o seu labor de rescate e f i xación para o coñecemento das futuras xeracións, e o esforzo de desprazarse desde Sarria para verme.
Vinte anos non é nada , di o tango. E cincuenta tampouco cando a amizade nace do mesmo lume. Mozos de vinte anos e versos nos petos, compartiamos a paixón e o amor pola palabra, as longas conversas e tamén as dúbidas, os temores de quen comeza a dicirse dende o fráxil lugar da poesía.
Xabier en Lugo, eu na Coruña, fomos achegando, paseniño, os nosos libros. Xabier con títulos emblemáticos como Antífona da Redención , Herdo e alucinación en Fisterra ou Calado Testamento. Logo de moito tempo sen vernos, desta vez terei ocasión de darche un abrazo , escribiume. O encontro foi moi cordial. Ambos iniciando o descenso, mancados, é posíbel, pero enteiros. Camiño da vellez ou entrados nela, continuamos a conversa de mozos como se o tempo fose só un engano e a poesía nos devolvese o que nunca perdemos.
Viñeron despois os viños, as bromas, os comentarios sobre a figura designada para o Día das Letras Galegas, os criterios extraliterarios á hora de decidir; a inxusta indiferenza que se abate sobre autores da talla de Arcadio López Casanova, Ramiro Fonte, Darío Xohán Cabana , arrombados apenas desaparecidos.
Falamos de todo, agás de nós. Non era necesario. A verdadeira amizade non precisa ser explicada, é coma un río soterrado que desaparece da superficie pero segue fluíndo por dentro. Finalmente, Amigo é o irmán que se elixe.