A poesía de Toño Núñez e a voz de Xoán Eiriz van da man tras un encontro espontáneo

A poesía de Toño Núñez e a voz de Xoán Eiriz van da man tras un encontro espontáneo
Xoan Eiriz_17244375

Os poemas de Toño Núñez, a música de Nacho Varela e a voz de Xoán Eiriz mestúranse para dar vida a un novo traballo discográfico, “Poemas de amor en outono”, que tamén é o título do poemario de Núñez que inspira este disco.

Este é un traballo que, segundo conta o propio Eiriz, naceu “dun xeito moi natural e espontáneo”. Foi a través dunha petición do poeta para que o cantante puxera voz a unha das súas creacións. A partires de aí, xurde o disco, dez cancións, dez poemas, en definitiva, dez obras compostas tras un arduo “traballo en equipo” entre Eiriz, Núñez e Varela.

Foi este un proxecto que, en palabras do cantante, “levou bastante tempo”, xa que comezou hai un ano e o remataron “o pasado mes de novembro, para poder publicalo en Nadal”. Aínda que o esforzo foi moito, “estou moi satisfeito co traballo final”. 

Destaca tamén o artista coruñés que é un “disco moi ecléctico”, xa que lograron acadar varios rexistros musicais, en parte, tal e como conta, polo bo facer de Nacho Varela. Son dez cancións “pero son todas diferentes”.

Di Eiriz que non lle gusta destacar unha canción sobre as demais, pero, aínda así, garda gabanzas especiais para unha delas “Pomba”. A versatilidade e diferenzas das cancións é evidente ao escoitalas, pero sinala o cantante que, na súa maioría, os textos que compuxo Núñez “falan do amor e mais do desamor”.

A traxectoria de Eiriz é moi longa, até o punto de que este será o seu traballo discográfico número quince. Ao igual que coas cancións, sinala que non estaría ben dicir “que o último é o mellor, porque son todos moi diferentes”, mais “o resultado de “Poemas de amor en outono” foi moi bo”, engade o artista.

Lanzamento e futura xira 
“Poemas de amor en outono” viu a luz hai un mes e polo momento “estamos na fase de promoción”, comenta Eiriz. Pero, aínda que todavía non completaran esta primeira etapa, e pesares de que non hai nada pechado todavía, di que xa espera que, “cara finais de febreiro, ou de marzo, comecemos a facer algún concerto”.

O cantante coruñés leva moito tempo neste mundo da música, algo que se pode apreciar por ese número de quince discos, o que lle permite facer unha valoración do panorama de cantautores galegos actuais. Comenta Eiriz deste aspecto que, “na actualidade, estánse a facer cousas moi ben e hai propostas que son moi boas no noso idioma”.

A poesía de Toño Núñez e a voz de Xoán Eiriz van da man tras un encontro espontáneo

Te puede interesar