Gallaecia Viva ofrece na Torre de Hércules gastronomía e cultura no día da Romanidade

Gallaecia Viva ofrece na Torre de Hércules gastronomía e cultura no día da Romanidade
El Ideal Gallego-2019-08-31-036-e36ad762

O vindeiro día 4 de setembro celébrase, en localidades de toda Europa, o chamado día da Romanidade, que na Coruña terá o seu eco o vindeiro domingo 8, con varias actividades na contorna da Torre de Hércules. 

“O día 4 de setembro do 476, o Imperio Romano como entidade política desaparece, entón, cóllese ese día para conmemorar o legado cultural, que pervive no tempo”, explica Adrián Rodríguez, secretario da asociación Gallaecia Viva. Estes festexos celébranse dende o ano pasado, e Gallaecia Viva quixo formar parte e aportar o seu gran de area.

A asociación ten preparadas catro actividades para o día 8. Sobre a 13.00 horas comezarán cunha degustación gastronómica de productos típicos da época, o que Rodríguez denomina “arqueogastronomía”, que consiste en coller receitas clásicas e tentar reproducilas da maneira máis fiel. Esta actividade acostuma “ter bastante éxito”, porque é unha maneira de ver que a cociña romana é “a base do que coñecemos como dieta mediterránea”.

Pola tarde, “a primeira hora”, farase unha ceremonia “a Marte, porque a inscripción que se conserva da Torre de Hércules está consagrado a Marte”, di Rodríguez. Tras isto, haberá unha pequena representación de microteatro onde, tal e como explica o secretario de Gallaecia Viva, “nos bota unha man un grupo de teatro de aquí de Coruña, formada por xente xoven, que se chama Cajón de Sastre”. Apóianse mutuamente, “eles axudan a dramatizar e nós lles proporcionamos o vestuario e o atrezzo”, conta.

A partir das 18.00 horas haberá un combate con gladiadores, “un reciario contra un secutor e dous provocator”. O obxectivo non é o mero combate entre os dous gladiadores, senón que “tamén a presentamos dunha maneira didáctica, para explicarlle á xente por que se facían un combate de gladiadores, en que consistía, como se peleaba, que tipo de gladiadores pelexaban... o que pretendemos é explicar as diferenzas entre o que todo o mundo coñece de ver nas películas de Hollywood e o que realmente pasaba”, sinala Rodríguez sobre este último acto da xornada.

Obxectivos e acollida 
Un dos obxectivos desta cita é “poñer en valor o monumento único que temos na cidade, a Torre, que é o faro romano máis antiguo en funcionamento que, como sempre digo, en Alejandría pagarían por ter media Torre de Hércules”, afirma entre risas Rodríguez.

A acollida o ano pasado foi moi boa, e esperan repetir, se o tempo acompaña, porque á xente lle “gustan moito estas propostas, tanto as gastronómicas como as culturais” sentenza Rodríguez.

Gallaecia Viva ofrece na Torre de Hércules gastronomía e cultura no día da Romanidade

Te puede interesar