Fillas de Cassandra suma, paseniño, un novo fito á súa carreira musical. Apple Music vén de anunciar publicamente que o dúo conformado por Sara Faro e María SOA é a súa nova aposta no marco do programa Up Next, unha iniciativa que pretende visualizar proxectos musicais de interese da escena local e internacional.
“É unha ledicia inmensa saber que a nosa música chega a novos lugares”, aseveran María e Sara, que veñen de publicar Hibernarse, un proxecto multidisciplinar no que abordan a construción social do tempo. Con Hibernarse, que se abre a distintas disciplinas artísticas -un EP, un fanzine, un videofilme e unha colección de xoias, polo de agora-, Fillas de Cassandra fai un chamado á pausa e respectar os tempos necesarios para deixar fluír a creatividade.
A través de Up Next, Apple Music destaca a artistas, coidadosamente identificados por expertos de todos os xéneros, co fin de apoiar e fomentar as súas incipientes carreiras e descubrir novas apostas musicais de interese que irrompen con forza na escena local e mundial. O programa Up Next España convive e complementa ao programa Up Next Global.
A nivel mundial, Apple Music leva apoiando a artistas desde os seus inicios, como Billie Eilish, Bad Bunny, Khalid, Megan Thee Stallion, Jhay Cortez ou Elo Armado, entre moitos outros; mais tamén brinda aos artistas locais a oportunidade de obter apoio temperán no seu camiño cara a un recoñecemento mundial. Nomes da escena estatal como Dora Postigo, Guitarricadelafuente, Maria José Llergo, Judeline ou Alcalá Norte foron algunhas das apostas máis notorias do programa de Apple Music, que agora conta con Fillas de Cassandra como novo referente.