Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
El Ideal Gallego Fundado en 1917

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Cultura

Caderno de bitácora do Capitán Perfecto

0620_bonilla_redideal_251121_veronica.gif
0620_wayalia_redideal_251121_carlos.gif
liceo620

A memoria é o fío condutor que dá continuidade á nosa existencia e que nos permite recoñecernos ao longo do tempo. Sen ela, perderiamos a noción de nós mesmos. Cada recordo forma parte do tecido da nosa personalidade ao rexistrar, seleccionar e organizar feitos e lembranzas. Non obstante, ao evocar o pasado, facémolo desde a situación e as circunstancias actuais, de maneira que a memoria é tamén creativa: recupera, pero tamén reinterpreta.

É precisamente esa capacidade de transformar e dar sentido ao vivido o que a converte nunha ferramenta esencial na formación da identidade. A través dos recordos construímos unha narrativa persoal, un relato íntimo que nos define e nos sitúa no mundo, permitíndonos afondar no autocoñecemento e establecer vínculos cos demais. Así, a empatía depende da capacidade de sentir o alleo como propio; o compromiso, da nosa concepción ideolóxica; a autoestima, dos logros que gardamos na memoria.

Mariño vocacional, Perfecto López-Nóvoa, Capitán Perfecto, recupera o seu caderno de bitácora e achéganos a traxectoria persoal, familiar e profesional (“todos los buenos recuerdos de mi vida”), erixíndose en voceiro dun tempo que se foi para que “la gente mayor lo recuerde con añoranza” e as novas xeracións coñezan sucesos, feitos e lugares que xa non existen. Un libro, “Memorias del Capitán Perfecto. Primera Parte” (Medulia Editorial. A Coruña, 2025. 295 pág) que sendo testemuño persoal, é tamén, en moitos sentidos, auténtica historia da Coruña das últimas décadas.

A Coruña

As cidades son espazos físicos, con prazas, rúas e edificios, e escenarios cargados de significado, verdadeiros arquivos de esforzos, celebracións, traballos e recordos. Establecemos coa cidade unha relación singular, íntima e cambiante. Mudamos nós e muda a cidade, condicionando o noso desenvolvemento, a nosa identidade. A Coruña que descubriu o neno Per (cos esixentes horarios dos Salesianos, a inexistencia da Avenida da Vedra, o que determinaba as vías de tránsito; a actividade do porto, bares, cafetarías e centros de lecer…) é moi distinta da Coruña actual, con outras ofertas, outras posibilidades e outros desafíos. Fóra do ámbito da casa, a cidade é o primeiro espazo que recoñecemos como propio. Convértese así nun mapa afectivo, onde cada esquina se asocia a un intre, a unhas vivencias, a unha etapa da nosa vida. Todo pasa e pouco queda, pero non todo é nostalxia; a cidade propicia encontros, proxectos, saídas. Organismo vivo, impúlsanos a seguir avanzando, a abrírmonos a novas expectativas e experiencias.

O afecto pola cidade nace da oferta de servizos, da comodidade dos espazos e da maneira en que cada un de nós integra e se integra neses espazos: amamos rúas vulgares porque nelas vivimos algo importante; sentimos edificios neutros como fogares porque traballamos neles ou porque neles alguén nos botou unha man. Medramos coa cidade e a cidade medra con nós.

As nosas vidas deixan tamén un rastro, unha pegada no espazo urbano. Cando marchamos levamos con nós a lembranza de lugares e vivencias. E cando volvemos, comprobamos os cambios como expresión dos nosos propios cambios. A cidade é, por tanto, espello do tempo: do noso tempo persoal e do tempo colectivo, compartido.

0620_alba_cocinas_redideal_251121_cristina
0620_arte_floral_calo_251121_carlos
0620_dans_relojeros_redideal_260109_cristina
0620_pazo_santa_cruz_redideal_251121_cristina.gif
0620_puertas_delfin_redideal_251212_cristina
PRIMERA-LINEA-620