A Biblioteca de Galicia inaugura a exposición 'Unha árbore de historias'

A Biblioteca de Galicia inaugura a exposición 'Unha árbore de historias'
Memorias dun neno labrego | AEC

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou esta tarde na Biblioteca de Galicia a exposición Unha árbore de historias. Cen anos de literatura infantil e xuvenil, que fai un percorrido desde os libros pioneiros da produción literaria en galego neste ámbito ata as publicacións máis actuais. 

 

A mostra amosa cen obras, na súa meirande parte primeiras edicións. Aparecen nas súas vitrinas os primeiros textos que escribiron Vicente Risco e Filgueira Valverde e tómase como referencia de partida o ano 1922, cando sae do prelo a revista infantil As Roladas, impulsada por Ramón Cabanillas. O itinerario revisa diferentes épocas e xéneros literarios, sendo parada importante no percorrido o reencontro con Balbino, personaxe fundamental das nosas letras creado por Neira Vilas en Memorias dun neno labrego.

 

Esta retrospectiva bibliográfica convida, como destacou durante a inauguración o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, “a coñecer mellor a historia literaria galega partindo destas lecturas temperás coas que gozamos das primeiras experiencias cheas de fantasía, sendo a literatura infantil e xuvenil esencial na memoria cultural dun pobo, e máis cando a produción en galego pasou por tantas dificultades”. 

 

Neste senso, Anxo M. Lorenzo tamén destacou que a exposición “permite comprobar como foi cambiando o concepto de obra infantil ao longo do tempo” e sinalou a “importancia de que unha institución como a Biblioteca de Galicia faga dalgunha forma unha homenaxe a todas as persoas, autoras, editores, ilustradoras, impresores e público lector que fixeron e fan un esforzo colectivo pola nosa escrita adaptada ao eido infantil e xuvenil”. 

 

No acto de inauguración estivo acompañado por Mª Cristina Rubal, subdirectora xeral de Bibliotecas e do Libro; Xosé Antonio Perozo, presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GÁLIX); e Montse Pena Presas, comisaria da exposición. 

 

A mostra pode visitarse na entrada da Biblioteca de Galicia ata o mes de maio do vindeiro ano. 

 

Unha árbore de historias

Simbolicamente a mostra quere semellar unha árbore que prende e se vai enchendo de historias para contar actualmente cunha follaxe frondosa e froitos cada vez máis brillantes. Así, seguindo este esquema, percorre a evolución da produción infantil e xuvenil en galego dividida en varias seccións: a semente, a escuridade, o tronco, a luz, as pólas, o agromar, a follaxe e os froitos.

 

A partir desta idea, a exposición repasa as traducións de literatura infantil que comeza a realizar a editorial Galaxia na década dos sesenta e o importante papel dunha autora, Xohana Torres. Tamén destaca o labor das asociacións culturais como O Facho, na Coruña, promovendo concursos pensados para estimular a creación de textos infantís e que propiciaron que se publicasen obras hoxe referenciais como son A galiña azul ou As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, de Carlos Casares. 

 

As mestras escritoras ocupan parte importante nesta selección de pezas, recollendo publicacións de Helena Villar, Ana María Fernández ou María Victoria Moreno, que revolucionaron o mercado do libro infantil e xuvenil pola necesidade de ter textos en galego para o seu alumnado. 

A Biblioteca de Galicia inaugura a exposición 'Unha árbore de historias'

Te puede interesar