Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
El Ideal Gallego Fundado en 1917

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Cultura

O Álbum de Galicia suma a biografía do poeta e musicólogo coruñés Emilio Pita

0620_bonilla_redideal_251121_veronica.gif
0620_wayalia_redideal_251121_carlos.gif
liceo620

A poesía e a música foron as dúas grandes paixóns de Emilio Pita (A Coruña, 1907 – Bos Aires, 1981). Autor de numerosos poemas, a súa obra Jacobusland (1942) marcou un fito inaugural na literatura galega de posguerra. Tamén escribiu artigos para diferentes cabeceiras editadas tanto en Galicia como en Bos Aires, nos que manifestou o seu compromiso coa política galeguista e coa defensa e uso do idioma propio. No eido musical, transcribiu e arranxou diferentes composicións patrimoniais galegas e interpretou ao piano a “Muiñeira de Chantada”, sintonía do programa radiofónico Sempre en Galiza. Asina a súa entrada no Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG), Xavier Groba González.

Nado na Coruña, Emilio Pita Robelo emigrou á Arxentina en 1921. Alí traballou na empresa Genaro García Ltda., unha casa comercial dedicada á exportación de cereais, ata a súa xubilación. Comprometido coa militancia galeguista, pertenceu á Sociedade Nazonalista Pondal e, en 1930, participou da creación da sección arxentina da ORGA. Ao ano seguinte viaxou a Galicia, onde contactou con Risco e Pedrayo. Entre maio de 1933 e febreiro de 1934 realizou unha segunda viaxe á súa terra natal, na que visibilizou “o compromiso co Partido Galeguista con intervencións públicas a prol da autonomía, coa axuda na fundación da Mocedade Galeguista da Coruña etc.”, indica Xavier Groba na súa entrada. Nela, destaca a participación de Emilio Pita no Frente Único Galleguista de Izquierda en xaneiro de 1936 e a súa implicación no Grupo Galleguista de Bos Aires “xa con España en guerra”. En 1940, tras a chegada de Castelao á capital da Arxentina, involucrouse na Irmandade Galega.

Escribiu en diversas cabeceiras editadas pola colectividade emigrada en Bos Aires, como Galicia —da que foi redactor—, El Despertar Gallego ou Céltiga, e tamén nalgunhas publicadas en Galicia. “A súa prosa céntrase na política galeguista” e “no uso e defensa do idioma galego”, continúa Xavier Groba. Ademais, foi o autor de varios ensaios musicais e poéticos, nos que amosou unha “predilección por Rosalía, Pondal, Cabanillas, Tolstói ou Mayakovski”. Na súa entrada do Álbum de Galicia inclúense algúns dos artigos divulgados nas revistas Vieiros, A Nosa Terra, Nós ou Alalá.

Xunto coa prosa, Emilio Pita cultivou a poesía, unha disciplina á que se dedicou entre os anos 1930 e 1975. O seu poemario Jacobusland (1942), ilustrado por Castelao, “considérase un fito inaugural da literatura galega de posguerra e inicio do realismo social contemporáneo galego”, subliña Xavier Groba. Cantigas de nenos (1944), Os relembros, As cantigas (1959), O ronsel verdegal (1964) e Serán (1974) son outros dos títulos da súa obra poética.

A música foi, así mesmo, un eixe central na traxectoria de Emilio Pita. De feito, o autor da súa biografía recolle unhas palabras pronunciadas polo propio Pita nas que afirmaba que, logo da poesía, a música galega era a súa principal afección, sobre todo “a medieval e as panxoliñas de Nadal”. Tocou o piano e o laúde e, malia que non se sabe “de composicións musicais da súa autoría”, como indica Xavier Groba, “si hai certeza de música patrimonial galega transcrita ou arranxada por el”. Neste senso, cómpre mencionar a adaptación das cancións de Os vellos non deben de namorarse (1941), entre elas a “Cántiga dos boticarios”, máis coñecida como “Lela (serenata compostelana)”, cuxa gravación se incorpora na súa entrada do Álbum de Galicia. Tamén destacou pola súa interpretación ao piano da “Muiñeira de Chantada”. A peza foi usada como sintonía do programa de radio Sempre en Galiza, “unha das iniciativas galeguistas no Uruguai nas que Pita se implicou”, engade Xavier Groba. Ademais, foi autor do capítulo “Música e danza” incluído na Historia de Galiza de Otero Pedrayo, que se anexa na documentación que acompaña a súa biografía no Álbum de Galicia.

Debido á súa traxectoria, “Emilio Pita Robelo acadou en vida o recoñecemento da colectividade galega na Arxentina”. Porén, en Galicia, “apenas foi nomeado membro correspondente da RAG (1963)”, conclúe Xavier Groba González.

0620_alba_cocinas_redideal_251121_cristina
0620_arte_floral_calo_251121_carlos
0620_dans_relojeros_redideal_260109_cristina
0620_pazo_santa_cruz_redideal_251121_cristina.gif
0620_puertas_delfin_redideal_251212_cristina
PRIMERA-LINEA-620