“Rexoubar” é a palabra máis buscada

“Rexoubar” é a palabra máis buscada
El Ideal Gallego-2014-08-11-007-c12cbca8

Mudan os costumes e o que antes era un obxecto que se consultaba na casa cada vez que aparecía unha dúbida de léxico, o diccionario físico, pasou a ter mellor vida. Esquecido nun estante, aquel tomo maltratado desfruta dun Imserso sen grandes alteracións. A súa vez, o dixital dálle solución a todos os titubeos dos galegos que procuran empregar ben a súa lingua.
Grazas a este novo hábito on line, desde a Real Academia Galega poden controlar as palabras máis buscadas, aquelas que xeran máis inquedanza na materia gris dos galegos.
Desde que o servizo comezou a rodar, hai unha que lidera por moito o ránking. Trátase do termo “rexoubar”, que significa “falar mal de alguén” e admite unha segunda acepción que se refire a “divertirse”. O verbo está en primeira posición da carreira de búsquedas con máis de 500 persoas preguntando por el no recadriño da dereita.
De segundo, pero distanciado por 200 mans premendo o ratón do pc, atópase “ficar” como permanecer no sitio no que se está, falecer, gardar algo para si ou pasar a certo estado, un verbo intransitivo que chama a atención dos galegofalantes, aos que tamén lles interesa coñecer o significado concreto de “milfollas”, ese postre de laminiñas que está recheo de crema ou merengue.

forma correcta
Todas estas palabras englóbanse dentro dunha mesma posición con preto de 300 curiosos detrás delas.
Moitas das veces, o servizo utilízase para saber a forma correcta das mesmas, máis alá do seu significado. Pode ocorrer con “respecto” ou “desfrutar”, nas que xorden dúbidas acerca de se levan o “c” antes do “t” ou se teñen a mesma denominación que en castelán como é o caso de “desfrutar”.
Ademais da investigación puramente formal, están na listaxe das máis demandadas outras puramente do país. Unha delas, albiscar, percíbese como unha pescuda que ten que ver co significado do termo tal que o usuario queda máis tranquilo ao saber que facendo uso dela dá a entender que acadou a ver algo aínda que non con moita precisión.
Outra que está metida no mesmo saco é “fatoeiro”, que é outro xeito de chamarlle á arbore que ten ameixas de froito. Por último, unha clásica como “gozar” e tamén “porén”, unha conxunción, algo estraño tendo en conta a natureza das demais.

por semanas
Por outra parte, na web que tamén xestiona a Real Academia Galega, http://portaldaspalabras.org/, o usuario pode coñecer as palabras da semana, que levan aos navegantes a atender ao significado de termos coma “dialéctico”, que se enfunda o maillot de primeiro clasificado, seguido de “pulso” e “búnker”. Entre os máis buscados están tamén “celme”, “garavanzo” e “seara”.
Con todo e iso, a páxina rexistra tamén os que máis ergueron curiosidades ao longo do mes. En agosto, os usuarios empregaron o ordenador para aclarar o que conleva dicir en alto “repañar” ou “ascomicetos”, un filo de fungos saprófitos ou parásitos, que vai no ránking xusto antes de “parabén” e despois de “aparcamento”. n

“Rexoubar” é a palabra máis buscada

Te puede interesar