Reportaxe | Un centro cultural que colleu altura cos albaneis do barrio

Reportaxe | Un centro cultural que colleu altura cos albaneis do barrio
O edificio acolle o venres un coloquio ás 20.00 horas para falar dos 40 anos de vida | PEDRO PUIG

Chámase Manuel, pero todo o mundo o coñece como Chao, un mote que adoptou na clandestinidade e cando estivo preso. Quedou no maxín dos coruñeses para sempre, igual que o seu carácter activista, de loitar polo que el consideraba xusto. En Elviña, era inxusto que non tiveran auga nin luz e aínda que o asociacionismo daquela non era legal, xuntouse cun grupo de amigos, con Lino e Emilio Jaspe, un policía ao que lle levantaron unha escultura, veteranos todos que contaron con leña verde, Manuel Rivas, entre outros, Carlos López de la Iglesia ou Carlos Maceiras, que axitaron o barrio para reclamar necesidades básicas.
Chao acórdase dunhas pegatinas cun home como afogando para pedir auga corrente. Isto foi o xérmolo do que se ergueu, un centro cultural, Tempo Novo, que hoxe cumpre 40 anos. Celebrarano o venres cun coloquio ás 20.00 horas no salón de actos para irse o sábado de romería cun pregón do veciño Rivas ás 12.00 horas, un xantar coa Pulpeira de Melide e actuacións de Cántigas da Terra, Donaire, Son d’aquí e da Asociación de Amigos do Acordeón da Coruña pola tarde. Tamén haberá poesía con Carlos Casás, que voltará á noite con máis versos para dar paso á pandeireta de Maghúa e o folk de Dequenvessendo.
Isto será o sábado e o domingo, Elviña-Castro 2018 incluirá un roteiro polo xacemento, sesión vermú con Juanpiño e festa infantil, na que aparcará unha caravana de xogos populares, á partir das 16.30 horas. Con esta batería de actividades, o vello Elviña homenaxeará dalgún xeito a aqueles que como Chao expandiron libros ocultos que viñan de Arxentina, “tiña unha vida activa, pero caladiña”. Aos rapaces, Chao contáballes anécdotas dos persoeiros de alí, que despois volcou en novelas. Antes que se formasen en colectivo veciñal, este grupo de persoas reuníase na de Isolina a arreglar o mundo. Logo sentiron a necesidade de trasladalo en feitos: “Íamos ao Concello, pero aínda non empezaran os democráticos e xa sabes o que atendían daquela”.
Non querían que o seu equipo de fútbol, o Relámpago de Elviña, que triunfaban nos modestos das Mariñas, seguise indo ao río a ducharse. Formáronse en plataforma, organizaron manifestacións e grazas ao principio de acción-reacción, xuntáronse máis.Entre todos pensaron que facía falta un edificio que aglutinase ás súas demandas e que os futbolistas tiveran vestiarios e tamén que a cultura tivese acubillo porque “a cultura é elemental”. Un señor cedeulles un terreo por un prezo simbólico e conseguiron polas aportacións dos membros cartos para mercar material e comezar a construír o soño.
Tempo Novo colleu altura grazas aos albaneis e carpinteiros da zona que aproveitaban os sábados pola tarde: “Daquela eran sábados ingleses, traballaban ata o mediodía”, e os domingos para avanzar. Con O Trus como capataz da obra, dérono feito en dous anos e pico. Faltaba un pequeno empurrón e Chao conseguiuno chamando á porta da clase política, en concreto, a un coñecido, man dereita de Vázquez Portomeñe, que comprobou que a estrutura estaba feita e ingresou nunha conta dous millóns de pesetas: “Era un momento en que Europa empezou a mandar pasta”. Terminaron o local e había que amoblalo. A muller de Chao puxo os mobles, o grupo Atlántica achegouse á inauguración cun cadro cada un e os demais trouxeron libros ou o que tiñan. Nas escrituras aparecen todos como propietarios.
De feito, tiveron que ir a asinar en grupiños co avogado Andrés Salgueiro. Podería ser que o día que abriron houbese 50.000 persoas, di Chao, quen acude os mércores no veranciño a Tempo Novo. Alí reúnense a iso das sete os da escola de gaitas e os acordeonistas e os pais van comer churrasco mentres os pequenos bailan: “A semente florece”. As mulleres ganchillan, os do Relámpago meten goles e Elviña Castro, Elviña Castro está vivo. l

Reportaxe | Un centro cultural que colleu altura cos albaneis do barrio

Te puede interesar