O proxecto “Música en branco” fará unha radiografía sonora do Agra

O proxecto “Música en branco” fará unha radiografía sonora do Agra
xurxo souto facía a ruta do bus número 7 para recompilar máis datos

O Agra será o primeiro distrito en “barriografiarse” a través dun programa “Música en branco”, que pretende rascar no pasado para facer unha memoria de todos os sons propios que conforman o barrio. Para iso, a iniciativa, desenvolvida por Cultura no marco europeo de Urbana-C, fixo un labor de campo para reunir unha serie de documentación aportada polos veciños en preto de 60 entrevistas feitas entre decembro e marzo. E pasar agora a unha segunda fase na que se poñerá en común o recompilado en actividades.
Deste xeito, Xurxo Souto capitaneaba onte un percorrido en bus até o Agra desde Monte Alto no que o artista anotaba na libreta como a parte dos Mariñeiros se chamaba “As Zocas”. O número 7 foi un punto de encontro entre os que van mercar o pan no mesmo sitio e que compatiron en alto os datos que fan única esta zona de soutelos.
O falado quedou gravado para sempre nun soporte que dará mañá un salto no tempo para recoller un anaco do programa de radio que emiten os rapaces do centro escolar de San Pedro de Visma, moi influenciados pola música calé do “Centollito”. Estas anécdotas introduciranse finalmente nun traballo que soará ao Agra en toda a súa extensión. Co son típico que produce o lanzamento dos que xogan á chave nos Mariñeiros. Será o 14 cando o equipo visite o Club de Chave nunha xornada na que se fará reconto da historia do barrio cun xurelo na man.  
Por outra parte, o parque do Observatorio quedará rexistrado para sempre o 22 nunha romaría intercultural. Porque a intención é meter no mesmo pote ás músicas que trouxeron na maleta os emigrantes dos anos 60 cos ritmos dos que conviven hoxe aquí procedentes de fóra, “Música en Branco” reflectirá ese día a música que flúe nas veas dun epicentro no que comparten parque xentes de lugares ben distintos. Por iso na cinta tamén cantará Pucho Boedo e levará os acordes de Mangüi e Radio Océano, que comezaron a facer ruído nesta latitude.
Xurxo Souto explicaba que se trataba de buscar o latexo do Agra para transformalo nunha exposición no Ágora, que terá lugar en outubro e que se completará coas audioguías, que son para o coordinador Julio Gómez, de SinSal Audio, unha especie de museos virtuais postas á disposición do público. Esta información poderase descargar a través da web, www.musicaenbranco.org, desde a primeira semana. No espazo iranse colgando contidos das distintas “barriografías”.
Os organizadores da actividades convidaban aos 30.000 coruñeses con casa no Agra do Orzán a contar a súa vida sonora cos demais a través de nove eventos, dos que se sacarán testemuños que se aderezarán á música que saiu e sae nun barrio no que aínda pastan as vacas. E que ten curiosidades como o que se coñece como “Uralita city” e que corresponde á zona ocupada polas vivendas sociais de Franco. Nesta praza, “Música en branco” recompilará o vento que zoa en Katanga, en China e no Xapón coruñés o 29 de xuño.  Completaranse as “barriografías” con paseos urbanos a cargo de Cristina Anllo, de Microprojects, que se traducirán en catro rutas a pé, en xuño, nas que se visitará O Ventorrillo, Riazor, Santa Margarita, O Portiño ou o monte de San Pedro. “Contedor de feminismos” coleccionará o 28 de xuño a historia das mulleres do Agra e o colectivo Escoitar.org organizará un obradoiro para elaborar as audioguías. E coñecer así un trozo da cidade de forma diferente

O proxecto “Música en branco” fará unha radiografía sonora do Agra

Te puede interesar